O Teatro Colón acollerá o 20 de marzo a IV Gala dos Premios do Deporte Deputación da Coruña
O prazo para a presentación de candidaturas está aberto ata este venres e poden participar deportistas, clubs, adestradores, árbitros e entidades que contribúan á promoción do deporte na provincia da Coruña
O deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira, presentou hoxe en rolda de prensa a IV Gala dos Premios do Deporte Deputación da Coruña, que se celebrará o vindeiro 20 de marzo no Teatro Colón da Coruña, e que volverá converterse no gran acto anual de recoñecemento ao deporte da provincia.
Durante a súa intervención, Antonio Leira destacou que esta Gala "é unha cita xa consolidada no calendario deportivo da provincia" e subliñou que os Premios do Deporte teñen como obxectivo poñer en valor o esforzo, a dedicación e os valores que transmite o deporte, tanto no ámbito profesional como no deporte base, inclusivo e afeccionado.
O deputado lembrou que entre as persoas e entidades galardoadas en edicións anteriores figuran referentes do deporte galego e estatal, como a atleta Ana Peleteiro, o xogador de hockey a patíns César Carballeira, así como clubs históricos e proxectos deportivos de primeiro nivel como o RC Deportivo, o Basket Coruña ou o Baxi Ferrol.
Antonio Leira informou tamén de que o prazo para a presentación de candidaturas está aberto ata este venres, lembrando que poden participar deportistas, clubs, adestradores, árbitros e entidades que contribúan á promoción do deporte na provincia da Coruña. Todas as solicitudes deben presentarse de xeito telemático a través da sede electrónica da Deputación, seguindo o procedemento establecido nas bases da convocatoria.
O deputado sinalou que o xurado está composto por profesionais de recoñecido prestixio do xornalismo deportivo, que se encargarán de avaliar e seleccionar ás persoas e entidades que recibirán os galardóns nas diferentes categorías, garantindo así un proceso transparente e profesional.
Leira destacou que a IV Gala porá o broche final ao proceso de selección das candidaturas correspondentes ao ano 2025, recoñecendo o labor de deportistas, clubs, adestradores, árbitros, entidades colaboradoras e iniciativas que contribúen á promoción do deporte na provincia da Coruña.
O deputado incidiu tamén en que a Deputación da Coruña aposta por un modelo deportivo no que teñen cabida tanto as grandes figuras como "o traballo silencioso e constante de moitas persoas e entidades que fan posible que o deporte chegue a todos os concellos".
Leira concluíu animando á cidadanía a seguir de preto esta nova edición da Gala e a participar na convocatoria: "Queremos que estes premios sexan un reflexo do talento e o compromiso co deporte que existe na nosa provincia".
