A Deputación da Coruña destina máis de 213.000 euros á xestión e dinamización da Rede Provincial de Coworking en 2026
O Goberno de Valentín González Formoso incrementa un 26% o investimento nunha rede que xa conta con 12 centros e 134 proxectos emprendedores
A Deputación da Coruña aprobou a concesión definitiva das axudas do programa PEL–Rede Coworking 2026, destinadas a apoiar a xestión, o funcionamento e a dinamización dos espazos que integran a Rede Provincial de Coworking. A resolución foi publicada no BOP de hoxe mércores 28 de xaneiro.
A institución provincial destina un total de 213.534,29 euros a este programa, que beneficia a 8 concellos e 3 entidades sen ánimo de lucro titulares dos distintos centros distribuídos por toda a provincia. As axudas concedidas oscilan entre os 10.570,29 e os 27.000 euros por entidade, permitindo financiar ata o 50 % dos orzamentos presentados.
Segundo explicou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, "estes espazos de coworking convertéronse en auténticos polos de innovación e oportunidade no territorio, especialmente no rural, ofrecendo ás persoas emprendedoras os recursos e o acompañamento necesarios para transformar ideas en proxectos viables".
As achegas están destinadas a sufragar gastos de funcionamento, persoal técnico especializado e actividades de dinamización, como accións formativas, asesoramento ao emprendemento e organización de eventos, reforzando o papel destes centros como motores de actividade económica e cohesión territorial.
Incremento do investimento e aposta polo emprendemento
A convocatoria de 2026 supón un reforzo do compromiso da Deputación co emprendemento e cos espazos de traballo colaborativo, cun incremento significativo do investimento respecto ao ano anterior. O orzamento pasa dos 169.171,08 euros en 2025 aos 213.534,29 euros actuais, o que representa un aumento de máis do 26 %.
Formoso destacou que "este incremento de fondos amosa con feitos a aposta da Deputación por un modelo de desenvolvemento baseado no apoio ao emprendemento local, que é fundamental para crear emprego e fixar poboación".
A través destas axudas, o Plan de Emprego Local (PEL) continúa a impulsar o desenvolvemento socioeconómico da provincia, proporcionando medios materiais e humanos para xerar novas oportunidades laborais e fortalecer o tecido produtivo.
Unha rede de 12 espazos que vertebra o territorio
A Rede Provincial de Coworking foi creada no marco do PEL e iniciou a súa actividade en 2019 coa apertura do primeiro espazo no Pazo de Arenaza, en Oleiros. Dende entón, a rede non deixou de medrar ata contar hoxe con 12 centros activos.
"Falamos dunha rede única en Galicia, pensada para dar resposta ás necesidades reais de cada territorio, con espazos especializados nos sectores estratéxicos de cada comarca", sinalou o presidente provincial, quen subliñou que "a maioría destes centros están situados no rural e prestan servizos con alcance supramunicipal, reforzando a igualdade de oportunidades entre concellos".
Ata o momento, máis de 600 persoas emprendedoras ou pequenos produtores da provincia empregaron as instalacións da Rede para poñer en marcha proxectos empresariais ou para a transformación de produtos do sector primario. A día de hoxe, os 12 centros de coworking apoian a 134 proxectos de emprendemento.
Na actualidade, a Rede está integrada por nove espazos de coworking: o Pazo de Arenaza (Oleiros), o LAB Barbanza con viveiro de empresas (Boiro), o Espazo A Proa (Ames), o coworking da Capela, o Centro de Emprendemento A Estación (Vedra), o Green Coworking (As Pontes), o Coworking A Pobra, o coworking Dixital CCompostela (Santiago) e a Casa do Pescador (Miño); así como por tres centros de transformación agroalimentaria: Transformando en Brión, o Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla (Moeche) e o Centro de Transformación de Alimentos de Baroña (Porto do Son), especializados na transformación de produtos agrícolas, cárnicos, moluscos e peixes.
