Estás en:Novas

A Deputación da Coruña apoia o labor da Asociación Nuestra Señora de Chamorro de Narón, “unha referencia en inclusión na comarca de Ferrolterra”

A deputada de Política Social, Mar García Vidal, visitou o centro para interesarse polas actividades terapéuticas, ocupacionais e de inclusión social que desenvolve co apoio da Deputación

A Deputación da Coruña apoia o labor da Asociación Nuestra Señora de Chamorro de Narón, “unha referencia en inclusión na comarca de Ferrolterra”

A deputada de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García Vidal, visitou hoxe a Asociación Nuestra Señora de Chamorro, en Narón, para coñecer de primeira man o labor que desenvolve esta entidade de referencia na atención ás persoas con discapacidade intelectual e interesarse polos seus servizos e necesidades actuais.

Durante a visita, García Vidal foi recibida pola responsable técnica do centro, Rocío Coira, así como por membros da directiva da entidade, que lle trasladaron a realidade diaria do centro e os proxectos que están a desenvolver para mellorar a calidade de vida das persoas usuarias e das súas familias.

A Asociación Nuestra Señora de Chamorro conta cun centro ocupacional, cun total de 90 persoas usuarias, e cun centro de día, que atende a 35 persoas, ademais de desenvolver programas de autonomía persoal, formación prelaboral e inclusión social, orientados a favorecer a participación activa das persoas con discapacidade intelectual na comunidade.

A deputada destacou "o papel fundamental que entidades como Chamorro desempeñan na construción dunha sociedade máis inclusiva, ofrecendo unha atención integral e centrada na persoa", e puxo en valor "o compromiso, a profesionalidade e a traxectoria dunha asociación cunha longa historia de servizo público en Ferrolterra".

Colaboración continuada coa Deputación da Coruña

A entidade mantén unha estreita colaboración coa Deputación da Coruña desde hai anos, a través de distintas liñas de apoio económico destinadas tanto ao mantemento dos servizos como á mellora das instalacións.

No ano pasado, a Asociación Nuestra Señora de Chamorro recibiu axudas de 36.000 euros para a realización de obras de mellora nas súas instalacións, incluíndo actuacións en cubertas, almacéns e baños, co obxectivo de garantir espazos máis accesibles, seguros e axeitados. Doutra banda, a Deputación destinou outros 43.904 euros para apoiar o funcionamento do seu centro ocupacional, permitindo dar continuidade aos programas terapéuticos, ocupacionais e de inclusión social.

Ademais, este ano a entidade vén de solicitar colaboración da Deputación para a adquisición dun novo vehículo adaptado, destinado ao transporte de persoas con mobilidade reducida usuarias do seu centro de día. Este recurso resulta esencial para garantir o acceso diario ao centro, especialmente no caso de persoas que viven en zonas con escasa conexión de transporte público, así como para facilitar a participación en actividades comunitarias e de ocio inclusivo.

Un recurso esencial para a inclusión e a autonomía persoal

O centro de día de Nuestra Señora de Chamorro está dirixido a persoas adultas con discapacidade intelectual e/ou mobilidade reducida, ofrecendo unha atención integral que combina apoio nas actividades da vida diaria, obradoiros ocupacionais, estimulación cognitiva e sensorial, programas de ocio e tempo libre e acompañamento profesional especializado.

Mar García Vidal agradeceu aos responsables da entidade a invitación a coñecer o seu traballo de primeira man e destacou que o apoio a este tipo de entidades "forma parte do compromiso firme da Deputación co benestar social, a igualdade de oportunidades e a atención ás persoas máis vulnerables", reforzando un modelo de políticas sociais baseado na proximidade, a cooperación coas entidades sociais e a mellora continua dos servizos públicos.