A Deputación da Coruña destaca o valor cultural, turístico e identitario da Festa da Filloa de Lestedo
O deputado provincial Xosé Penas participou na presentación dunha cita con máis de catro décadas de traxectoria
«A Festa da Filloa é patrimonio cultural da provincia», subliñou Penas, ao tempo e salientou a lonxevidade do evento, con 43 edicións
A Deputación da Coruña participou este mércores na presentación da XLIII Festa da Filloa de Lestedo, unha celebración consolidada como referente gastronómico, cultural e social do Entroido galego, que cada ano converte o concello de Boqueixón nun espazo de encontro arredor da tradición e do patrimonio inmaterial. No acto, celebrado no CIFP Compostela, representou a institución o deputado provincial de Patrimonio e Contratación, Xosé Penas.
Ademais del, interviron o director do CIFP Compostela, Ramiro Esparís; o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro; o conselleiro de Educación, Román Rodríguez; o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; e o presidente da Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, Juan Manuel Silva. Conduciu o acto a actriz María Mera, quen destacou as súas orixes familiares no municipio de Boqueixón.
Na súa intervención, Penas desculpou a ausencia do vicepresidente e responsábel de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira, por motivos de axenda, e salientou o labor que se leva anos facendo a organizaión deste evento, destacando que «Boqueixón está facendo un bo traballo poñendo en valor un produto noso e tradicional como a filloa».
O deputado puxo en valor o compromiso da Deputación da Coruña á hora de apoiar este tipo de celebracións, subliñando que a Festa da Filloa «é patrimonio cultural da provincia», e que a súa lonxevidade, con máis de corenta anos de traxectoria, ratifica que «é moito máis ca unha festa veciñal: estamos a falar de música, de gastronomía, de turismo e de Entroido, e desde as institucións debemos protexer festas coma estas».
O deputado defendeu ademais o modelo de turismo que promove a Deputación, procurando a calidade e ligándoo á identidade, ao patrimonio e á lingua. Neste sentido, afirmou que celebracións como a de Lestedo encaixan plenamente nesta visión estratéxica de país. Finalmente, fixo fincapé na importancia da colaboración institucional para facer posíbeis e sostíbeis no tempo eventos desta dimensión, e congratulouse polo traballo conxunto entre administracións, entidades e tecido asociativo para conseguilo.
Ampla programación
A programación da XLIII Festa da Filloa de Lestedo estenderase ao longo de varios días, combinando actividades gastronómicas, culturais e de promoción do produto, con propostas dirixidas a públicos diversos. O calendario inclúe accións de divulgación culinaria, iniciativas inclusivas e actividades pensadas para a infancia, co obxectivo de poñer en valor a filloa como elemento central da identidade local e da tradición gastronómica galega.
O día grande da festa será o domingo 22 de febreiro, xornada na que Lestedo acollerá unha intensa actividade festiva arredor do Entroido tradicional, coa celebración do Gran Desfile e do Alto dos Xenerais da Ulla, xunto con música, degustacións e actos populares que consolidan esta cita como unha das máis singulares e recoñecidas do calendario festivo galego.
