A Deputación leva a APADER Cedeira o programa inmersivo “Mergullando sen nos mollar”
A inciativa fomenta a educación ambiental e a inclusión nas entidades sociais da provincia
A Deputación da Coruña continúa a impulsar políticas de inclusión e educación ambiental nas entidades sociais da provincia a través do programa "Mergullando sen nos mollar", unha iniciativa que achega o coñecemento do medio mariño ás persoas con discapacidade mediante o uso de tecnoloxía de realidade virtual.
No marco deste programa, desenvolveuse esta mañá unha nova sesión na Asociación Pro Persoas con Discapacidade Intelectual APADER de Cedeira, coa visita da deputada Rosa Ana García ás instalacións da entidade. A actividade permitiulles ás persoas usuarias exploraren os fondos mariños galegos a través de imaxes en 360 graos, nunha experiencia inmersiva, accesible e adaptada ás súas necesidades.
Durante a visita, Rosa Ana García puxo en valor "o papel fundamental que desempeñan as entidades sociais no territorio", incidindo no apoio que lles presta a Deputación para mellorar as súas instala os servizos que prestan ás persoas usuarias. Un traballo que se completa con iniciativas lúdicas e formativas como a de hoxe, segundo afirmou a deputada, que subliñou que "a aplicación da tecnoloxía á educación ambiental permítenos avanzar cara a modelos máis accesibles e adaptados á diversidade, favorecendo a participación plena das persoas con discapacidade en experiencias formativas e de sensibilización".
O programa "Mergullando sen nos mollar" está a desenvolverse en distintos centros de entidades sociais da provincia da Coruña, adaptando a súa duración e contidos ás características de cada entidade, co obxectivo de garantir unha experiencia plenamente accesible.
