Estás en:Novas

A Deputación da Coruña recibe o alumnado da Facultade de Economía e Empresa da UDC no marco do programa ParlaCoruña

A Deputación da Coruña recibe o alumnado da Facultade de Economía e Empresa da UDC no marco do programa ParlaCoruña

A Deputación da Coruña acolleu hoxe a visita do alumnado da Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña (UDC) no marco do programa formativo ParlaCoruña. O estudantado foi recibido no Salón de Plenos polo presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, que lles explicou o funcionamento da Deputación, a súa historia bicentenaria e o seu papel como institución ao servizo dos concellos da provincia.

Durante o encontro, Formoso destacou que a Deputación é a "casa dos concellos", ao apoiar ás administracións municipais na prestación de servizos públicos e no desenvolvemento de proxectos estratéxicos para o territorio. O presidente repasou tamén os principais plans e programas que a institución provincial impulsa en ámbitos como o emprego, os servizos sociais, as infraestruturas, a cultura ou o apoio ao emprendemento e a innovación.

Formoso puxo en valor iniciativas como ParlaCoruña, que lle permite ao alumnado achegarse ao funcionamento das institucións públicas, fomentar o pensamento crítico, o diálogo e o debate, e comprender mellor os procesos de toma de decisións no ámbito público. "Houbo tempos non tan afastados nos que non se podía debater sobre cuestións políticas en liberdade; hoxe podemos facelo e expor libremente as nosas ideas e puntos de vista", sinalou, animando o estudantado a participar activamente na vida democrática.

A visita completouse cun coloquio informal no que o alumnado puido formular preguntas e intercambiar opinións co presidente, nun clima de diálogo acerca do papel das institucións e o futuro das políticas públicas.