Estás en:Novas

A Deputación defende un envellecemento digno, inclusivo e con apoios para as persoas con discapacidade intelectual

A deputada de Política Social, Mar García Vidal, participou na charla-coloquio "Envellecer con futuro", que reuniu representantes institucionais e do movemento asociativo para reflexionaren sobre os retos do envellecemento das persoas con discapacidade intelectual

A Deputación defende un envellecemento digno, inclusivo e con apoios para as persoas con discapacidade intelectual

A deputada de Políticas Sociais da Deputación da Coruña, Mar García Vidal, participou este xoves na charla-coloquio "Envellecer con futuro", un encontro organizado por FADEMGA Plena Inclusión Galicia e a Asociación Pascual Veiga, que reuniu representantes institucionais e do movemento asociativo para reflexionar sobre os retos do envellecemento das persoas con discapacidade intelectual.

Na xornada participaron tamén Ramón Sestayo Lestón, presidente do CERMI Galicia; Silvia Longueira Castro, vogal da Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego; Josefa Arcas Lafuente, presidenta do Centro Pascual Veiga; Carmela González Lagarón, membro da Xunta Directiva de FADEMGA Plena Inclusión Galicia; e Rosalía López Sánchez, concelleira da Corporación Municipal da Coruña.

Durante a súa intervención na inauguración do acto, Mar García Vidal salientou que falar de envellecer "é falar dunha realidade que nos atravesa a todas e a todos", pero advertiu de que no caso das persoas con discapacidade intelectual existen retos específicos que durante moito tempo non foron suficientemente visibles. "Estas persoas merecen vivir esta etapa da vida con dignidade, con apoios e con respecto", afirmou.

A deputada subliñou que non abonda con vivir máis anos, senón que o fundamental é como se viven, facendo fincapé na importancia dos coidados, dos apoios axeitados e da capacidade para seguir decidindo sobre a propia vida. "Envellecer con futuro significa seguir pertencendo, seguir contando e seguir formando parte activa da comunidade", indicou.

Mar García Vidal tivo tamén palabras de recoñecemento para as familias e as persoas coidadoras, ás que definiu como un piar fundamental neste proceso, lembrando que tamén precisan apoio, recoñecemento e respostas claras por parte das institucións.

A deputada puxo en valor encontros coma este, que cualificou de "imprescindibles" para compartir experiencias, aprender e construír respostas máis xustas e máis humanas, a través do diálogo entre profesionais, entidades sociais, familias e administracións públicas.

No peche da súa intervención, a deputada incidiu no compromiso da Deputación de "escoitar, aprender e actuar para desenvolver políticas máis próximas e centradas nas persoas", e agradeceu o traballo das entidades organizadoras e das persoas participantes.