A Deputación aproba un investimento de máis de 1,15 millóns de euros para mellorar o firme da DP-7804 en Santiago
O pleno da Deputación da Coruña vén de aprobar un investimento de 1.150.848 euros para executar as obras de mellora do firme da estrada provincial DP-7804 de Val do Dubra a Santiago, no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 19+000 e 22+760, no termo municipal de Santiago de Compostela.
Esta actuación completará as obras de ampliación e mellora do trazado que a Deputación está ultimando neste mesmo vial, cun investimento de máis de 1 millón de euros, co obxectivo de ofrecer unha vía máis segura, moderna e adaptada ao elevado volume de tráfico que soporta ao conectar Santiago con Val do Dubra.
Os traballos que inclúe o proxecto son a roza e limpeza de cunetas, o fresado do firme existente e a súa reposición nas zonas de travesía, así como o extendido dunha dobre capa de mestura bituminosa en quente, de 5 e 6 centímetros de espesor, ao longo de toda a calzada. No tramo de travesía executarase unha única capa de rodadura de 5 centímetros.
A obra complétase coa reposicion da sinalización horizontal e vertical, mellorando as condicións de visibilidade e seguridade tanto para os vehículos como para os peóns.
O prazo de execución previsto é de cinco meses, permitindo culminar unha intervención integral neste tramo da rede viaria provincial, que inclúe tamén a recente construción da nova ponte sobre o rego Gatofero e a ampliación da plataforma da estrada.
