A Deputación apoia as reivindicacións laborais do persoal do Grupo Losán
O pleno aproba unha declaración institucional, co respaldo de todos os grupos políticos, que manifesta que a postura da institución provincial está co persoal na súa loita pola defensa dos seus postos de traballo e na reivindicacións dunhas condicións laborais dignas.
A Deputación da Coruña aprobou no pleno de hoxe unha declaración institucional de apoio ao persoal do Grupo Losán, unha empresa referente do sector da madeira en Galicia, cuxos traballadores e traballadoras veñen padecendo desde hai anos unhas condicións de traballo deficientes.
O acordo, respaldado por todos os grupos políticos con representación na corporación provincial —PP, PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños—, fai seu o diagnóstico enfocado en que arredor de 200 familias galegas levan tempo soportando "atrasos reiterados no cobro das nóminas, impagos de pagas extraordinarias e incumprimentos do convenio colectivo", unha situación que "pon en risco a estabilidade laboral do persoal e tamén a continuidade da actividade produtiva".
No marco deste respaldo institucional, os portavoces de todos os grupos políticos da Deputación (Bernardo Fernández polo PSOE, Avia Veira polo BNG, Evaristo Ben polo PP, e Angel García Seoane por AV) mantiveron antes do pleno unha reunión co comité de empresa do Grupo Losán para coñecer de primeira man a situación que atravesan os traballadores e traballadoras e tratar de mediar no conflito, amosando unha posición común en defensa do emprego e dos dereitos laborais.
A través desta declaración institucional, a Deputación da Coruña manifesta o seu apoio ao persoal do Grupo Losán na súa loita pola defensa dos seus postos de traballo e polas reivindicacións dunhas condicións laborais dignas.
Así mesmo, a través desta declaración, a institución provincial insta tanto á Xunta de Galicia como ao Goberno do Estado a buscar unha solución que permita garantir o futuro dunha empresa estratéxica para Galicia e a continuidade dunha actividade industrial clave para o sector da madeira.
