A Deputación licita por 92.885 euros as obras de construción dunha área de autocaravanas en Cabanas
O proxecto, financiado con fondos Next Generation UE no marco do Plan de sostibilidade turística en destino (PSTD) Fragas do Eume, sae a licitación por segunda vez
A Deputación da Coruña acaba de sacar a licitación por segunda vez as obras de urbanización da área de autocaravanas do concello de Cabanas, logo de quedar deserta a primeira convocatoria. O proxecto conta cun orzamento de 92.885,36 euros e está financiado con fondos Next Generation EU, no marco do Plan de sostibilidade turística en destino (PSTD) Fragas do Eume.
A actuación permitirá acondicionar unha parcela municipal no lugar das Agras, colindante co campo de fútbol, cunha superficie de preto de 6.000 metros cadrados para a creación dunha área específica destinada ao estacionamento e servizo de autocaravanas, reforzando a oferta turística sostible do municipio e da comarca.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou que "o turismo itinerante é unha realidade en auxe e require infraestruturas axeitadas que permitan compatibilizar a acollida de visitantes coa protección de espazos naturais de alto valor, como as Fragas do Eume" e lembrou que na Capela se está a desenvolver un proxecto do PSTD para a creación dun aparcadoiro disuasorio e un servizo de lanzadeira en vehículo eléctrico para levar as persoas visitantes ao parque natural.
O proxecto de Cabanas inclúe a creación de prazas de estacionamento adaptadas, a instalación dun punto de subministración de auga potable, zonas para o baleirado de augas grises e negras e un ecopunto para a recollida selectiva de residuos, ademais de traballos de urbanización, sinalización e mellora da accesibilidade.
Esta área de autocaravanas daralle resposta a unha demanda crecente no municipio, especialmente nos meses de maior afluencia turística, permitíndolle ao Concello de Cabanas ordenar o estacionamento, mellorar os servizos para as e os visitantes e seguir avanzando nun modelo de turismo sostible.
A actuación cumpre cos criterios de sustentabilidade e co principio europeo de non causar dano significativo (DNSH), ao incorporar solucións de baixo impacto ambiental e medidas de integración paisaxística. O proxecto enmárcase na estratexia do PSTD Fragas do Eume para favorecer un turismo desestacionalizado e de calidade, ligado ao patrimonio natural e cultural da comarca.



