Avanzan a bo ritmo as obras da primeira fase da estación naútica do lago das Pontes
.Os traballos, adxudicados pola Deputación cun orzamento de 340.536,35 euros, enmárcase nunha iniciativa financiada con fondos europeos Next Generation
As obras da primeira fase da futura estación náutica do lago das Pontes avanzan a bo ritmo, dando pasos firmes cara á creación dunha infraestrutura chamada a converterse nun referente do turismo activo e sostible no norte da provincia.
Os traballos adxudicados pola Deputación cun orzamento de 340.536,35 euros, enmárcase nunha iniciativa financiada con fondos europeos Next Generation, que mobiliza preto de 3 millóns de euros nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, co obxectivo de impulsar un modelo de turismo sostible e diversificado.
Esta primeira intervención céntrase no acondicionamento do terreo, coa execución dunha explanada sobre a que se asentará a estación, así como na habilitación dos accesos á lámina de auga.
Así, xa se están a executar unha explanada dotacional de máis de 3.800 metros cadrados, deseñada para facilitar a práctica de actividades náuticas e deportivas en condicións óptimas de seguridade e accesibilidade. O espazo contará cunha zona de escaleiras e bancadas para o acceso de embarcacións de remo, como kaiaks, así como cunha rampla de ata 14 metros de ancho destinada a embarcacións de vela lixeira e lanchas pneumáticas de apoio.
As obras inclúen tamén a construción de muros de escollera para garantir a estabilidade do terreo, a habilitación dunha área específica de 50 metros cadrados para a limpeza e desinfección de embarcacións —dotada cun sistema de recollida e bombeo das augas empregadas— e a instalación de elementos de seguridade como varandas e sinalización vertical.
O proxecto complétase coa dotación de servizos básicos, entre eles subministración eléctrica, abastecemento de auga, drenaxe e saneamento, así como a instalación de iluminación pública mediante proxectores LED de baixo consumo, reforzando o compromiso coa eficiencia enerxética e a sustentabilidade ambiental.
O presidente da Deputación e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, destacou que "as obras avanzan conforme ao previsto, cumprindo os prazos establecidos e consolidando un proxecto cunha clara vocación sostible". Así mesmo, subliñou que "esta actuación permitirá poñer en valor o lago das Pontes como recurso natural e deportivo, ao tempo que abre novas oportunidades para o lecer e a dinamización económica local".
Formoso engadiu que "a chegada dos fondos europeos está a facer posible impulsar investimentos transformadores que contribúen a diversificar o modelo produtivo dun territorio tradicionalmente vencellado á industria, incorporando novas liñas de desenvolvemento baseadas na natureza, o patrimonio e o turismo de calidade".
Segundo as previsións, esta primeira fase das obras estará rematada no mes de maio, momento no que se dará paso a unha segunda fase que incluirá a construción do edificio da estación náutica.



