Estás en:Novas

A Deputación e o Concello de Pontedeume crean unha Biblioteca Rural en Nogueirosa (Pontedeume) para achegar cultura e tecnoloxía ao rural

A Deputación e o Concello de Pontedeume crean unha Biblioteca Rural en Nogueirosa (Pontedeume) para achegar cultura e tecnoloxía ao rural

A Deputación da Coruña apoia a creación dunha Biblioteca Rural no local social da Asociación de Veciños de Nogueirosa a través dunha subvención de 2.306,65 euros, destinada a mellorar o acceso á lectura e aos recursos dixitais da veciñanza.

A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, visitou hoxe as instalacións acompañada polo alcalde de Pontedeume e deputado provincial, Bernardo Fernández, e polo concelleiro de Novas Tecnoloxías, Joshua Dopico. Durante a visita, destacaron o papel das bibliotecas rurais como espazos clave para a convivencia, a aprendizaxe e o fomento de lectura.

Ademáis de apoiar dotación de mobiliario específico para a biblioteca, como mesas ou estanterías, a axuda provincial permitiu adquirir equipamento informático.

Cristina Capelán subliñou que "garantir o acceso á cultura e á tecnoloxía no rural é fundamental para asegurar a igualdade de oportunidades entre o rural e o urbano", e destacou que este tipo de proxectos "converten os locais sociais en puntos de encontro abertos á cultura que tamén sirven como punto de encontro da veciñanza".

A nova Biblioteca Rural permitirá ordenar e ampliar o fondo bibliográfico existente, facilitar o préstamo de libros e incorporar recursos tecnolóxicos para a realización de actividades formativas e accións de alfabetización dixital, especialmente entre as persoas maiores, reforzando o papel do local social como espazo comunitario de referencia.