Estás en:Novas

A deputada de Igualdade visitou o CEIP de Outes, premiado na última edición do Premio Concepción Arenal co proxecto ‘Tecendo Saberes’

Sol Agra destacou que o centro «amosa unha implicación destacada na visibilización de mulleres relevantes en distintos ámbitos»

Cada un dos tres proxectos premiados neste certame, ao cal poden concorrer centros educativos ou Anpas, recibe 5000 euros

A deputada de Igualdade visitou o CEIP de Outes, premiado na última edición do Premio Concepción Arenal co proxecto ‘Tecendo Saberes’

A deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, Sol Agra, visitou este mércores o CEIP de Outes para coñecer de primeira man o proxecto 'Tecendo Saberes', unha das iniciativas galardoadas no XII Premio Concepción Arenal 2025, cunha dotación de 5000 euros. «O CEIP de Outes amosa unha implicación destacada en proxectos que parten da visibilización de mulleres relevantes en ámbitos como a ciencia, a arte, a tecnoloxía, o deporte ou a contorna local, incorporando referentes como pensadoras, activistas, artistas e filósofas», sinalou Agra.

Para a responsábel de Igualdade, este tipo de iniciativas «fomentan o pensamento crítico, a creatividade e unha convivencia baseada na igualdade, contribuíndo a unha educación máis xusta e inclusiva».

Conexión entre distintas áreas do coñecemento

'Tecendo Saberes' é un espazo que evoca a conexión entre as distintas áreas de coñecemento e os ámbitos de investigación arredor da muller, simbolizando a aprendizaxe como un tecido colectivo e interdisciplinar. O proxecto ofrece a oportunidade de reparar a omisión histórica das figuras femininas nas artes, nas ciencias, na filosofía ou na fotografía, fomentando unha perspectiva de xénero que favoreza a igualdade de oportunidades a través da construción compartida do saber.

A iniciativa baséase na integración de mulleres destacadas en todos os ambientes de aprendizaxe do centro. A maior parte da xornada lectiva desenvólvese nos tres ciclos de educación primaria mediante a libre circulación do alumnado polos distintos ambientes estabelecidos en cada ciclo. Ademais, na Programación xeral anual do curso 2025-2026 recóllense seis xornadas para que o alumnado —en colaboración coas familias— poida participar nas propostas doutros ciclos, incluída a educación infantil.

Valoración do xurado e premios

O xurado do XII Premio Concepción Arenal destacou que se trata dun proxecto transversal que promove a igualdade de xénero, a xustiza social e a diversidade desde un pensamento feminista e pedagóxico profundo, integrando estes valores de maneira transversal no proxecto educativo do centro. Valorouse tamén a implicación de toda a comunidade escolar.

Na última edición deste galardón foron tamén recoñecidos, ademais do CEIP de Outes, o CEIP María Pita, con 'Un mar de arco iris' —categoría infantil— e mais o proxecto 'Patio para ti e para tods*', do Instituto de Bacharelato Arcebispo Xelmírez I de Santiago. Cada un dos tres centros recibiu a mesma dotación de 5000 euros.