A Deputación da Coruña destaca o Padronés Cortizo como “emblema do ciclismo galego” no seu 70 aniversario
O deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira, participou este mércores no acto de presentación da tempada 2026 do Club Ciclista Padronés Cortizo, que coincide coa celebración do 70 aniversario dunha das entidades deportivas máis históricas e recoñecidas de Galicia.
Durante a súa intervención, Leira puxo en valor a profunda vinculación de Padrón co ciclismo e o papel do Padronés Cortizo como referente deportivo e social: "Dicir Padrón é dicir ciclismo. Esta vila non se entende sen o son dos piñóns e o esforzo sobre o asfalto", sinalou.
O deputado provincial destacou tamén a proxección nacional e internacional do club, lembrando fitos recentes como a inclusión da Clásica da Pascua na categoría 1.2 do calendario UCI dentro da Challenge Futura, así como a presenza da provincia en grandes citas ciclistas como O Gran Camiño ou a Vuelta Ciclista a España Femenina. "Nada é por casualidade. Estes logros son o reflexo de décadas de traballo, compromiso e paixón polo deporte", afirmou.
Antonio Leira subliñou que o Padronés Cortizo é moito máis ca un equipo competitivo: "É un proxecto de valores, un espello no que se miran os rapaces e rapazas das escolas de ciclismo, un exemplo de constancia, compañeirismo e sacrificio". Nesa liña, animou ao novo cadro de persoal e ao corpo técnico a afrontar a tempada coa responsabilidade que supón vestir unha camisola cargada de historia, pero tamén co orgullo de representar a toda unha comarca.
No peche do acto, o deputado reiterou o apoio firme da Deputación da Coruña ao club e ao ciclismo de base, agradeceu á familia Cortizo o seu compromiso continuado co deporte e desexou unha tempada chea de éxitos: "Estaremos acompañándovos en cada quilómetro, celebrando cada meta e apoiando tamén nos momentos máis duros".
O Club Ciclista Padronés Cortizo inicia así unha tempada moi especial, marcada pola celebración de sete décadas de historia e pola ilusión dun proxecto que segue levando o nome da provincia da Coruña polas estradas de todo o país.
