Estás en:Novas

A Deputación da Coruña destaca o legado de Concepción Arenal na inauguración do novo local de atención a persoas migrantes en Ferrol

A Deputación da Coruña destaca o legado de Concepción Arenal na inauguración do novo local de atención a persoas migrantes en Ferrol

A deputada provincial Cristina Capelán participou este mércores en Ferrol no acto de inauguración do novo local de atención a persoas migrantes do Patronato Concepción Arenal, unha cita que coincidiu coa conmemoración do aniversario do falecemento dunha das figuras máis relevantes do pensamento social e humanista do noso país.

Durante a súa intervención, Capelán salientou a plena vixencia do legado de Concepción Arenal, subliñando que "as súas ideas seguen sendo actuais porque falan de dignidade, xustiza social, igualdade e de non deixar a ninguén atrás". Nesa liña, destacou o simbolismo de celebrar esta data coa apertura dun novo espazo destinado á acollida e acompañamento das persoas migrantes.

A deputada puxo en valor o papel deste novo local como ferramenta clave para a inclusión social: "Este espazo nace para acoller, acompañar e apoiar a persoas que chegan cunha mochila chea de dificultades, pero tamén de ilusións e proxectos de vida", afirmou, lembrando que detrás de cada persoa migrante hai unha historia que merece oportunidades reais de integración e futuro.

Cristina Capelán reafirmou o compromiso da Deputación da Coruña co apoio a iniciativas que fortalecen a cohesión social e fan das cidades "lugares máis humanos e máis xustos", defendendo unha sociedade que entende a diversidade como unha riqueza e que aposta pola convivencia desde o respecto e a empatía.

No seu discurso, a deputada agradeceu expresamente o traballo do Patronato Concepción Arenal, destacando a importancia dun labor que moitas veces se desenvolve de maneira silenciosa, pero que resulta esencial para transformar vidas: "Estar preto das persoas, escoitalas e camiñar ao seu lado é o que realmente marca a diferenza".

O novo local, situado na rúa Galiano, permitirá reforzar a atención específica ás persoas migrantes na cidade de Ferrol, dando resposta ao incremento de usuarios e mellorando os servizos de acompañamento, orientación e inclusión social.

"Este non é só un espazo físico, é un lugar de encontro, de apoio e de esperanza", concluíu Capelán, felicitando á entidade pola inauguración e desexándolle moito éxito nesta nova etapa.