Estás en:Novas

Sol Agra destaca na entrega dos Premios Youtubeiras+ que o galego «vale para contar ciencia, literatura, cine, cociña, humor ou música, e para estar presente en todos os formatos e plataformas»

A canle Konachadas faise co Premio á Creación de Contidos e Rodri Míguez leva o galardón á Mellor Canle, mentres que Fóra de mapa pódcast acada o Premio ao Mellor Pódcast

O Premio á Calidade Lingüística recae en Patri Otero, o Premio Rede vai para ChutenMeme e o Premio Revelación distingue O búnker debuxos

O Premio do Público conquistouno o vídeo Cada historia, unha vida. O 25N no CEIP de Tarrío, de Xurxo Varela

Sol Agra destaca na entrega dos Premios Youtubeiras+ que o galego «vale para contar ciencia, literatura, cine, cociña, humor ou música, e para estar presente en todos os formatos e plataformas»

Intervención de Sol Agra, deputada de Lingua da Deputación da Coruña

Os Premios Youtubeiras+ xa teñen gañadoras e gañadores. Esta tarde, no Teatro Jofre, deuse a coñecer o palmarés da novena edición deste certame que, organizado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo; polas universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo; e mais pola Deputación da Coruña, ten como obxectivo promover e visibilizar a creación de contidos en galego nas redes sociais.

Durante a gala, a deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra, puxo en valor o papel das redes como espazo clave para a normalización lingüística e salientou que Youtubeiras+ se converteu nun referente para demostrar que o galego «vale para contar ciencia, literatura, cine, cociña, humor ou música, e para estar presente en todos os formatos e plataformas». Agra subliñou que o noso idioma debe ter presenza «no mesmo nivel e en igualdade de condicións ca calquera outra lingua» tamén no ámbito dixital.

A deputada destacou así mesmo a valentía das persoas creadoras que apostan polo galego na internet, mesmo fronte ás dificultades derivadas dos algoritmos e da consideración do idioma como minoritario, e asegurou que facer contido en galego nas redes sociais é «un acto de resistencia individual que se converte en colectivo cando existe unha comunidade que apoia, segue e comparte». Nese sentido, agradeceu a participación das canles concorrentes e o compromiso das persoas finalistas e premiadas por contribuír a que o galego «estea no mundo e non desapareza da Galiza».

Presentaron a gala Leila Fernández, membro da canle O faiado pódcast, e Carlos Vieito, integrante do proxecto Exército Mekemeke. A ela asistiron representantes das 28 canles finalistas. Ao longo da velada, deuse a coñecer o ditame do xurado, que nesta edición estivo conformado por Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense; Jon Amil, médico e presidente da Associaçom Galega da Língua (AGAL); Carlos Pereiro, xornalista e comunicador de videoxogos; María Rúa, creadora de contidos e gañadora do Premio á Creación de Contidos de 2024, e Uxío Broullón, ilustrador e deseñador gráfico.

O Premio á Creación de Contidos levouno Konachadas. O xurado decidiu galardoar esta canle pola súa «calidade visual, a súa imaxinación e a súa capacidade» para converter calquera temática «nunha mensaxe reflexiva, divertida e reivindicativa apta para todos os públicos».

O Premio á Mellor Canle distinguiu a Rodri Míguez. O xurado considerouno merecente do galardón «polo seu labor xornalístico, a súa traxectoria e a promoción da música en galego de xeito altruísta».

O Premio ao Mellor Pódcast recaeu en Fóra de mapa pódcast por «usar as súas voces para crear un conxunto de pezas sonoras en forma de xanela coa que achegármonos ás culturas, minorías e linguas, cunha edición coidada e profesional».

O Premio á Calidade Lingüística acadouno Patri Otero por, en palabras do xurado, «utilizar e fomentar o bo uso da lingua galega, así como a súa normalización dun xeito exemplar».

O Premio Revelación foi para O búnker debuxos. O xurado salientou desta canle a súa capacidade de «sorprender e abraiar a través da animación orixinal e artesanal, dándolle unha nova vida e unha volta a memes de noso».

O Premio Rede conquistouno ChutenMeme por conseguir, «a través do humor», xerar «novos lazos virtuais» e facer «medrar a comunidade dixital galega».

O Premio do Público, o único que non decidiu o xurado ao determinarse por votación popular telemática, foi para o vídeo Cada historia, unha vida. O 25N no CEIP de Tarrío, de Xurxo Varela.

Nesta novena edición dos Premios Youtubeiras+ rexistrouse a concorrencia de 126 canles diferentes, cifra que bateu a marca histórica do concurso e superou a colleita da edición anterior, na que participaron un total de 89 canles. O certame distingue o labor realizado pola comunidade creadora de contidos en galego na internet ao longo de 2025 e permitiuse a concorrencia de perfís en todo tipo de plataformas. Esta foi a principal mudanza nas bases do certame, xa que na oitava edición só puideron participar canles con perfís en YouTube e TikTok.

Á gala de entrega dos Premios Youtubeiras+ asistiron representantes das diferentes institucións organizadoras, como o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro; a deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra; a concelleira de Normalización Lingüística de Carballo, Ángeles Pacoret; a concelleira de Cultura, Normalización Lingüística, Ensino e Xuventude de Oleiros, María José Santos; a concelleira de Deportes, Relacións Veciñais, Festas e Rural de Santiago de Compostela, Pilar Lueiro; a concelleira de Asuntos Sociais e Emprego de Rois, María Mercedes Basante; e a vicerreitora de Igualdade e Diversidade da Universidade da Coruña, Cristina López.

RELACIÓN DE GAÑADORES/AS POR CATEGORÍAS

(Entre parénteses especifícase o concello de residencia das persoas creadoras)

Premio á Mellor Canle

  • Rodri Míguez (Redondela e Bueu)

Finalistas

  • Rogelio Santos Queiruga (Porto do Son)
  • antontisimo (@ant0ntisim0) (Burela)
  • carlotaghatos (Melide)

Premio á Creación de Contidos

  • Konachadas (concello de orixe: Viveiro; na actualidade reside en Rois)

Finalistas

  • Aradeira de súa (Ribeira)
  • @adochinto (Porto do Son e Santiago de Compostela)
  • @miguelblesta (Brión)

Premio ao Mellor Pódcast

  • Fóra de mapa pódcast (Meis e Vigo)

Finalistas

  • A ferida aberta no 36 (Santiago de Compostela)
  • Diversos pódcast (Ribeira)
  • Prendidísima (Santiago de Compostela)

Premio á Calidade Lingüística

  • @patriiotero (Santiago de Compostela)

Finalistas

  • daviidraamos_ (Cariño)
  • @diegoauxx (Vigo)
  • LongaLingua (Santiago de Compostela)

Premio Revelación

O búnker debuxos (Ferrol)

Finalistas

  • @langrans_ (Ourense)
  • Mareando o xogo (Malpica de Bergantiños, Costa da Morte)
  • @miradenovo (Bueu)

Premio Rede

  • ChutenMeme (Santiago de Compostela)

Finalistas

  • Descifrando a historia (A Cañiza)
  • Galiactiva (Ourense)
  • Noticias dispersas (Ourense)

Premio do Público

  • «Cada historia, unha vida». 25N no CEIP de Tarrío, de Xurxo Varela (Culleredo)

Finalistas

  • «Caldo de repolo», de Pakolas. Música infantil en galego (Oleiros)
  • FICACOABOLA nuns cuartos de final de Conference League | O noso blog máis especial con Miki Villar!, de Fica coa bola (Pontevedra e Santiago de Compostela)
  • Os Bolechas van a servizos sociais, de ChutenMeme (Santiago de Compostela)