Estás en:Novas

Sol Agra reivindica en Santiago o valor dos patios inclusivos como ferramenta para avanzar na igualdade

Sol Agra visitou este mércores o IES Arcebispo Xelmírez I, premiado con 5 000 euros na última edición do Premio Concepción Arenal polo proxecto 'Patio para ti e para tod*s'

A responsábel de Igualdade subliñou que a iniciativa «aposta por transformar os espazos educativos nun entorno máis xusto, inclusivo e igualitario para todo o alumnado»

Sol Agra reivindica en Santiago o valor dos patios inclusivos como ferramenta para avanzar na igualdade

Sol Agra, segunda pola dereita, acompañada por profesoras do IES Xelmírez I

A deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, Sol Agra, visitou este mércores, 11 de febreiro, o IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago para coñecer de primeira man o proxecto 'Patio para ti e para tod*s'. Trátase dunha das propostas galardoadas no XII Premio Concepción Arenal, organizado pola institución provincial e dotado con 5 000 euros para cada un dos tres centros gañadores.

Durante a visita, Agra puxo en valor o traballo desenvolvido polo centro para promover «un uso igualitario e democrático dos espazos educativos ao longo de todo o curso, incorporando a igualdade como eixe transversal da convivencia». A deputada salientou que o proxecto «parte dunha diagnose participativa que identifica dinámicas segregadas por xénero no patio e propón alternativas para garantir a participación real de todo o alumnado».

A iniciativa ten como obxectivo xeral impulsar un traballo continuado en igualdade, centrado na transformación dos espazos de lecer e recreo nun entorno coeducativo, inclusivo e seguro. Entre os seus obxectivos específicos están a eliminación de xerarquías de poder e dinámicas de dominación masculina no patio, a inclusión das alumnas en xogos deportivos —evitando a segregación por sexos—, a promoción de actividades de movemento e empoderamento, así como a creación de espazos que conviden á calma, ao diálogo e ao coidado.

'Patio para ti e para tod*s' aposta pola reconfiguración dos espazos e dos tempos de recreo coa implicación do alumnado e dos equipos de convivencia e igualdade do centro. Presta especial atención á visibilización do colectivo LGTBIQ+ e sitúa os coidados como eixe dunha filosofía feminista aplicada ao ámbito educativo.

Para Sol Agra, este tipo de propostas «contribúen a construír centros máis igualitarios, nos que o respecto, o diálogo e a diversidade formen parte da experiencia diaria do alumnado», e reforzan o compromiso da Deputación da Coruña coa promoción dunha educación baseada na igualdade de oportunidades.

Asemade, a deputada indicou que a maior parte dos colexios e institutos da provincia «están a facer un moi bo traballo na promoción da igualdade de xénero». Por esta razón, apelou á participación en próximas edicións do certame, ao que poden concorrer tanto os centros educativos como as asociacións de nais e pais. Na última edición, ademais deste IES compostelán, foron tamén recoñecidos o CEIP de Outes, co proxecto 'Tecendo Saberes', e o CEIP María Pita da Coruña, con 'Un mar de arco iris'. Cada un dos tres recibiu a mesma dotación de 5 000 euros.