Estás en:Novas

A Deputación da Coruña destaca a aposta pola innovación de ASPACE na presentación do exoesqueleto pediátrico

É a primeira entidade social da provincia en incorporar este dispositivo único no mundo para o tratamento terapéutico de nenos e nenas con parálise cerebral ou enfermidades neuromusculares

A Deputación da Coruña destaca a aposta pola innovación de ASPACE na presentación do exoesqueleto pediátrico

A deputada de Política Social, Mar García Vidal, participou esta mañá en Sada na presentación oficial do exoesqueleto pediátrico ATLAS 2030 incorporado por ASPACE Coruña ao seu servizo de rehabilitación infantil, converténdose na primeira entidade social da provincia en contar con este dispositivo único no mundo.

Durante o acto, no que se realizou unha demostración práctica do funcionamento do exoesqueleto, a deputada puxo en valor o labor "exemplar" que desenvolve ASPACE Coruña acompañando aos nenos e nenas con parálise cerebral e outras enfermidades neuromusculares, así como ás súas familias.

Mar García Vidal destacou que a incorporación desta tecnoloxía supón "moito máis ca un avance técnico", ao representar "oportunidades, autonomía e esperanza para os nenos e nenas que poderán beneficiarse dela". A deputada subliñou que a innovación tecnolóxica "cando se pon ao servizo das persoas, é capaz de transformar vidas".

A responsable provincial de Política Social incidiu en que a Deputación da Coruña ten claro que as políticas sociais "teñen que avanzar ao mesmo ritmo que o fan as necesidades reais da cidadanía", apoiando iniciativas que combinan investigación, tecnoloxía e compromiso social para mellorar a calidade de vida das persoas que máis o precisan.

O exoesqueleto ATLAS 2030, desenvolvido por Marsi Bionics, permite manter en posición erguida e camiñar a nenos e nenas que doutro xeito non poderían facelo, contribuíndo ademais a previr complicacións asociadas ás enfermidades neuromusculares e a favorecer a súa participación en actividades terapéuticas e educativas.

Para a deputada, este proxecto "simboliza unha sociedade que aposta pola inclusión, que cre no potencial de todos os nenos e nenas e que non deixa a ninguén atrás".