A cadea agroalimentaria da provincia preséntase a vindeira semana HIP, o gran foro europeo para o sector de hoteis, restaurantes e cafetarías
Xosé Regueira, vicepresidente e deputado de Promoción Económica, destaca a importancia de reforzar a presenza da cadea agroalimentaria coruñesa nos foros profesionais do sector
A campaña 'A paisaxe que sabe' amplía a súa proxección ao que está considerado como un dos principais escaparates europeos, coa asistencia prevista de máis de 60 000 profesionais e máis de 1 000 marcas expositoras
A Deputación da Coruña participará por primeira vez en HIP (Hospitality Innovation Planet) - Horeca Professional Expo, que se celebrará en IFEMA–Madrid os días 16, 17 e 18 de febreiro. Farao cun posto propio no que desenvolverá unha programación continuada baixo o paraugas da campaña 'A paisaxe que sabe'. Trátase da estrea da institución provincial na que está considerada a maior feira europea de solucións para o segmento HORECA —hoteis, restaurantes e cafetarías—, un encontro que converterá o recinto feiral madrileño en epicentro do sector coa asistencia prevista de máis de 60 000 profesionais e máis de 1 000 marcas expositoras.
Durante as tres xornadas, a Área de Turismo e Promoción Económica combinará cociña en directo, presentacións de produto, degustacións e obradoiros de harmonías dirixidos ao público profesional que se dá cita neste foro, no que empresarios, directivos e especialistas analizan tendencias, innovación e tecnoloxía aplicada á hostalaría. A proposta da Deputación reunirá restaurantes e produtoras e produtores da provincia nun espazo que pretende amosar a calidade, diversidade e capacidade de innovación da cadea de valor agroalimentaria coruñesa.
Participarán os restaurantes As Garzas, Miga e Illas Gabeiras, xunto con empresas como A Conserveira, Bonilla a la Vista, Cien por Cel, Costumes Galicia, Empanadas Ternura, Galmesán, La Despensa D'Lujo, Martietas de Fío e Vermut Lodeiros.
Programación da Deputación
A programación arrincará cada día cun almorzo con galletas Martietas de Fío, de Bergondo, e continuará con presentacións e degustacións como as Empanadas Ternura, da Coruña, ou o xudión con nécora de Laxe de La Despensa D'Lujo, de Coristanco. O luns 16 haberá demostracións culinarias a cargo de Beatriz Sotelo, do restaurante Illas Gabeiras, que elaborará mexillón de Lorbé con escabeche suave e fabas con ameixas e alga codium.
O martes 17 será a quenda de Eva Fares e Xurxo Agrasar, do restaurante As Garzas —unha estrela Michelín—, con propostas como porro confitado con salsa holandesa afumada e chícharo bágoa de Coristanco con pilpil de algas. O mércores 18 participará Adrián Felípez, do restaurante Miga, da Coruña, con elaboracións como terrina de cacheira de porco celta con guiso de grelos e caldo de cocido ou albacora curada en auga de mar, sopa de xunco mariño e folla de ostra.
Os tres días incluirán tamén obradoiros de harmonías conducidos por Alejandro Paadín, sumiller e formador, centrados en distintas indicacións xeográficas e denominacións de orixe galegas en combinación con produtos participantes no posto provincial, así como novas presentacións e degustacións de conservas de A Conserveira, elaboracións de porco celta de Cien por Cel, queixos Galmesán ou propostas maridadas con Vermut Lodeiros.
Con esta primeira participación en HIP, a Deputación da Coruña amplía a presenza da campaña 'A paisaxe que sabe' a un dos principais escaparates profesionais europeos do sector HORECA, reforzando a promoción do produto e do talento da provincia nun contexto de innovación, negocio e proxección internacional.
