Estás en:Novas

A Deputación licita por máis de 245.000 euros as obras que completarán a senda peonil da estrada de San Xiao, en Narón

A actuación dará continuidade ao itinerario peonil na DP-5401, que conecta o núcleo urbano co Polígono de Río do Pozo

O prazo de presentación de ofertas remata o 11 de marzo de 2026

A Deputación licita por máis de 245.000 euros as obras que completarán a senda peonil da estrada de San Xiao, en Narón

A Deputación da Coruña vén de publicar na Plataforma de Contratación do Estado a licitación das obras para construír un novo tramo de senda peonil na estrada provincial DP-5401 (estrada de San Xiao), no concello de Narón.

A intervención, cun orzamento de 245.338,91 euros, permitirá completar o itinerario peonil entre os puntos quilométricos 2+700 e 3+500, dando continuidade á senda xa executada entre os puntos 1+920 e 2+600. O proxecto contempla a execución dun camiño para peóns de dous metros de ancho na marxe dereita da vía, así como a instalación dun colector para a correcta drenaxe das augas pluviais.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que esta actuación responde ao compromiso do Goberno provincial de avanzar na mellora da seguridade viaria desta estrada, así como na humanización das estradas provinciais, especialmente naquelas contornas con presenza de vivendas.

A DP-5401 rexistra un elevado volume de tráfico debido á actividade empresarial do Polígono de Río do Pozo e ás vivendas situadas nas súas marxes. A nova senda permitirá crear un itinerario seguro e accesible para as veciñas e veciños da zona, así como para as persoas traballadoras que se desprazan diariamente ao polígono industrial, reducindo os riscos derivados da convivencia entre vehículos e peóns.

O prazo para a presentación de ofertas permanecerá aberto ata o vindeiro 11 de marzo de 2026.