Estás en:Novas

A Deputación licita por 529.430 euros a renovación da capa de rodaxe da estrada DP-6202 de Outes

As obras contemplan a mellora da pavimentación do tramo que vai de Outes á AC-400 por Valadares

O prazo de presentación das ofertas remata o 11 de marzo de 2026

A Deputación licita por 529.430 euros a renovación da capa de rodaxe da estrada DP-6202 de Outes

A Deputación da Coruña publica a licitación das obras de mellora da capa de rodaxe da estrada DP-6202, que vai de Outes ata a AC-400 por Valadares.

O proxecto ten un orzamento de 529.430,76 euros, destinados á renovación da pavimentación do tramo comprendido entre os puntos quilométricos 0+358 e 4+498. As actuacións contempladas abranguen os traballos de preparación da vía, como a limpeza das beiravías, a roza das marxes, a apertura de cunetas e poda de árbores, e a execución de varios tramos de dique en zonas con desprendementos de noiros entre os puntos 3+105 e 3+350.

Unha vez que se acondicione o treito, pavimentarase e reporanse as marcas viarias do eixe, dos bordos e das inscricións. A sinalización vertical, o balizamento e os elementos de defensa necesarios tamén serán instalados de novo na vía.

Este proxecto súmase ao resto de obras de mellora viaria que está a executar a entidade provincial durante o exercicio 2026, atendendo ás necesidades e demandas dos concellos da provincia da Coruña. Esta liña de actuación ten como fin mellorar a seguridade viaria, tanto para o tránsito de vehículos como para viandantes.

O prazo de presentación das ofertas está aberto e estenderase ata o 11 de marzo.