A xira do décimo aniversario de De Vacas chega o 7 de marzo a Carballo co apoio da Deputación
«A información que é necesaria para facer valer os dereitos das mulleres, moitas veces non chega á sociedade», explicou hoxe na presentación a deputada de Igualdade, Sol Agra. «Por iso optamos por facilitar o acceso a ela con música, dun xeito lúdico e artístico, e as mulleres de De Vacas transmiten toda esa forza, crítica e reivindicación que necesitamos nun 8M», destacou
'Vacanal Sinfónica', a ópera contemporánea que repasa os dez anos traxectoria musical de De Vacas, fará parada o 7 de marzo en Carballo co apoio da Deputación da Coruña. O concerto, incluído na programación da administración provincial polo 8M, presentouse esta mañá no Pazo da Cultura da capital bergantiñá nunha rolda de prensa na que interviron a deputada de Igualdade, Sol Agra; o alcalde, Daniel Pérez; e as concelleiras de Cultura e Festas, Maruxa Suárez, e de Servizos Sociais e Igualdade, Maica Ures.
Agra puxo en valor as propostas do seu departamento para o 8M, «unha data para celebrar, pero tamén reivindicar, porque os dereitos das mulleres seguen a estar desatendidos». «Non temos», abundou, «máis que ollar as estatísticas das diferencias salariais ou a precariedade de servizos fundamentais como o do servizo de axuda no fogar —eminentemente feminizado— ou as dificultades para chegar a postos de dirección das mulleres profesionais».
Segundo Agra, esa información non sempre chega á sociedade, «polo que optamos por facerlla chegar con música, dun xeito lúdico e artístico, e as mulleres de De Vacas transmiten toda esa forza, crítica e reivindicación que necesitamos nun 8M».
A titular de Igualdade rematou a súa intervención animando a veciñanza de Carballo a non perder a cita, «porque Faia Díaz, Paula Romero, Inés Salvado e Guillerme Fernández levarán ao público toda a forza, retranca, crítica e defensa dos dereitos das mulleres galegas».
Insistiu o alcalde de Carballo no carácter reivindicativo da data. «A loita pola igualdade ten que ser transversal e permear non só as administracións, senón tamén toda a sociedade». Para Pérez, a cultura debe ser «unha canle para amosar que esa loita pola igualdade ten que continuar, e iso está demostrado en Carballo no traballo que fan Maica e Maruxa desde os departamentos de Igualdade e de Cultura».
No concerto de De Vacas «están eses valores da Cultura», segundo Maruxa Suárez, quen amosou a súa satisfacción porque o espectáculo que apoia a Deputación forme parte do programa 'Cultura con forza', unha das apostas do Concello carballés «para darlles visibilidade a todos os conflitos que, por desgraza, temos ao noso redor». Nese sentido, a concelleira tamén se referiu á programación do seu departamento polo 8M e ao ciclo de cinema 'Amal en Ruta', que na súa parada esta ano en Carballo tivo como lema 'Todas somos Palestina'.
Maica Ures tamén defendeu a o carácter transversal da igualdade desde a xestión municipal, «que debe traballar por ela desde todas as áreas de goberno e non só dunha en concreto». Para a concelleira, a 'Vacanal Sinfónica' non é só un concerto: «é unha rebeldía, un encontro de sororidade, de desfacer, de rirnos, de darlle a volta a esas cancións machistas que sempre nos intentaron invisibilizar ou cousificar ou poñernos coma de menos».
As entradas para o concerto estarán á venda na billeteira electrónica do Concello de Carballo e custarán 5 e 9 euros.
