Estás en:Novas

A Deputación da Coruña explora novas liñas de colaboración con ASANOG nunha visita á súa sede en Santiago

A institución provincial apoia económicamente o programa de atención psicosocial ás familias da provincia afectadas polo cancro infantil e xuvenil

A Deputación da Coruña explora novas liñas de colaboración con ASANOG nunha visita á súa sede en Santiago

A deputada de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García Vidal, e o deputado de Deportes, Antonio Leira, visitaron a sede da Asociación de Cáncer Infantil e Xuvenil de Galicia (ASANOG) en Santiago de Compostela para coñecer de primeira man a súa actividade e interesarse polas necesidades da entidade no acompañamento a menores con cancro e ás súas familias.

Durante o encontro, no que participaron responsables e equipo técnico da asociación, abordáronse os principais retos que afronta o colectivo, así como o desenvolvemento do programa "Psicoloxía e Traballo Social en Cancro Infantil", que conta co apoio da Deputación a través das liñas de subvencións para entidades sociais.

A Deputación da Coruña colaborou con ASANOG cunha achega económica de 17.000 euros no ano 2025 para reforzar a atención psicosocial ás familias da provincia afectadas polo cancro infantil. O programa subvencionado ofrece atención hospitalaria en coordinación co CHUS e co CHUAC, así como atención extrahospitalaria na sede da entidade e nos propios domicilios cando é preciso. Inclúe tamén información, orientación e asesoramento sociolaboral, xestión de prestacións e recursos sociais, acompañamento psicolóxico durante as distintas fases da enfermidade e coordinación cos servizos sociais municipais e co SERGAS.

Segundo explicaron as reponsables da entidade, ao longo do ano realizáronse centos de intervencións en atención hospitalaria e extrahospitalaria, xestión de recursos sociais, acompañamento e coordinación en rede, beneficiando a un amplo número de menores e familias da provincia.

ASANOG desenvolve un modelo de intervención integral con enfoque biopsicosocial, a través dun equipo formado por profesionais da psicoloxía e do traballo social, en coordinación co persoal sanitario da Unidade de Oncoloxía Pediátrica de Galicia. A actuación abrangue desde o momento do diagnóstico, cando se produce un forte impacto emocional e socioeconómico, ata a fase de seguimento e retorno á vida cotiá, prestando especial atención á integración escolar, á adaptación familiar e á prevención de situacións de vulnerabilidade.

A responsable de Política Social da Deputación, Mar García Vidal, destacou a importancia de apoiar entidades como ASANOG "ue realizan un labor esencial de acompañamento e humanización da atención sanitaria, complementando o traballo dos servizos públicos e ofrecendo resposta inmediata ás necesidades das familias".

Pola súa banda, Antonio Leira puxo en valor o papel do tecido asociativo na construción dunha sociedade máis xusta e solidaria, "especialmente cando se trata de colectivos tan vulnerables como a infancia oncolóxica".