Estás en:Novas

A Deputación da Coruña reivindica InnovAmes como espazo para “conectar talento, empresa e administración”

A Deputación da Coruña reivindica InnovAmes como espazo para “conectar talento, empresa e administración”

A deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, participou esta mañá na inauguración da sexta edición de InnovAmes, acompañando ao alcalde de Ames, Blas García, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e outras autoridades e representantes do tecido empresarial e educativo.

Durante a súa intervención, Rosa Ana García destacou a importancia de espazos como InnovAmes para "conectar talento, empresa e administración" e subliñou que a innovación "non é só unha cuestión tecnolóxica, senón tamén social e territorial". A deputada puxo en valor o papel dos concellos como dinamizadores económicos e reivindicou a cooperación institucional como clave para xerar oportunidades no ámbito local.

A responsable provincial de Emprego sinalou que a Deputación mantén unha aposta decidida polo apoio ás pequenas e medianas empresas, ao emprendemento e á creación de emprego de calidade, especialmente no rural. Neste sentido, lembrou que os programas provinciais buscan fortalecer o tecido produtivo, impulsar a transición ecolóxica e favorecer a dixitalización das empresas: "Iniciativas como InnovAmes demostran que os concellos poden ser verdadeiros laboratorios de innovación, capaces de atraer talento, fixar poboación e crear riqueza", afirmou.

InnovAmes, que se celebra no Pavillón Polideportivo do Milladoiro, reúne arredor de trinta empresas, centros educativos e entidades vinculadas á innovación, converténdose nun punto de encontro para o intercambio de experiencias, a divulgación de proxectos e a xeración de sinerxías.

A deputada destacou tamén a presenza do alumnado e a implicación dos centros educativos, salientando que "o futuro da innovación pasa pola formación e pola capacidade de conectar o coñecemento co tecido produtivo".