Estás en:Novas

Sol Agra afirma que «defender a Rosalía é defender hoxe o feminismo, os dereitos sociais e a lingua galega»

A deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís participou este luns en Santiago de Compostela nos actos conmemorativos do Día de Rosalía

Destacou que Rosalía de Castro foi «unha voz incómoda para o poder que segue interpelándonos como país»

Sol Agra afirma que «defender a Rosalía é defender hoxe o feminismo, os dereitos sociais e a lingua galega»

A deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra Tuñas, participou este luns en Santiago de Compostela nos actos institucionais organizados con motivo do Día de Rosalía. Foi unha xornada de homenaxe que serviu para reivindicar a plena vixencia do pensamento e do compromiso social da autora galega máis universal.

Os actos comezaron ás 11:00 horas coa tradicional ofrenda floral ante a estatua de Rosalía de Castro na praza de Vigo, preto de onde estaba a súa casa natal, no daquela concello de Conxo.

Ademais de Sol Agra, participaron o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira; o conselleiro de Cultura, José López Campos; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o alcalde de Padrón, Anxo Arca; e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín. Tamén estiveron presentes varios representantes dos grupos parlamentarios galegos e da corporación municipal compostelá.

Durante a súa intervención, Sol Agra destacou que Rosalía de Castro continúa sendo unha referencia ética e política para Galiza, lembrando que foi «unha muller incómoda para o poder e avanzada ao seu tempo, que levantou a voz pola dignidade do pobo galego cando iso non era doado». A deputada sinalou que a escritora «defendeu os dereitos das mulleres, das persoas traballadoras e dunha lingua desprestixiada polas elites», subliñando que o seu pensamento mantén hoxe unha absoluta actualidade

Na mesma liña, cuestionou as voces que apelan a «non politizar» a autora, apuntando a este respecto que «Rosalía é universal, pero defendela significa defender aquilo polo que ela loitou: o feminismo, a xustiza social, os dereitos das traballadoras e traballadores e a lingua nai deste país». A responsábel de Lingua incidiu en que o legado rosaliano «segue vivo na sociedade galega e nas persoas que continúan defendendo unha Galiza máis xusta, igualitaria e orgullosa da súa cultura».

A programación continuou ás 12:00 horas no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval, onde tivo lugar unha nova ofrenda institucional, seguida de intervencións, actuacións musicais e lecturas de poemas. Neste acto participaron tamén o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, xunto a representantes institucionais e culturais.