Estás en:Novas

O Teatro Colón acollerá o 20 de marzo a Gala de entrega dos premios do Deporte da Deputación da Coruña

O xurado dos premios reuniuse hoxe na sede da Deputación

Os galardóns buscan distinguir publicamente ás persoas e entidades que destaquen pola súa traxectoria deportiva, logros ou contribución ao fomento da práctica deportiva

O Teatro Colón acollerá o 20 de marzo a Gala de entrega dos premios do Deporte da Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña acolleu hoxe a reunión do xurado da IV edición dos premios do Deporte convocados pola institución provincial, unha iniciativa coa que se pretende recoñecer a actividade e traxectoria dos deportistas e entidades máis destacadas da provincia.

O xurado está presidido polo deputado de Deportes, Antonio Leira, e integrado por profesionais de referencia no eido da información como Paulo Alonso, xefe de Deportes de La Voz de Galicia, Fran Hermida, xefe de Deportes de Radio Coruña SER, Leticia Chas, xornalista de COPE Galicia, Susana López, xornalista de El Correo, e Miriam Tembrás, xornalista de Diario de Ferrol.

O fallo do xurado darase a coñecer na Gala do Deporte que a Deputación organiza o vindeiro 20 de marzo no Teatro Colón da cidade herculina, e que contará coa presenza de representantes de centos de clubs e destacados persoeiros do ámbito deportivo da provincia.

Este ano establécense quince categorías de premios, "recoñecendo o labor de deportistas, clubs, adestradores, árbitros, entidades colaboradoras e iniciativas que contribúen á promoción do deporte na provincia da Coruña", segundo explicou o deputado de Deportes, Antonio Leira, que incidiu tamén en que a Deputación da Coruña "aposta por un modelo deportivo no que teñen cabida tanto as grandes figuras como o traballo silencioso e constante de moitas persoas e entidades que fan posible que o deporte chegue a todos os concellos".

Ademais das quince categorías oficiais, o xurado poderá recoñecer a título individual ou colectivo a aquelas persoas ou entidades que levasen a cabo unha labor ou desenvolvesen unha actuación no ámbito do deporte digna de ser destacada a nivel provincial.