A Deputación inviste máis de 800.000 euros na mellora integral do firme da estrada de Burricios a Pena de Martín, en Oza-Cesuras
Hoxe formalizouse o contrato dunha obra que consistirá na renovación da capa de rodadura nun treito de máis de 8 quilómentros.
Os traballos teñen un prazo de execución de 3 meses.
A Deputación da Coruña formalizou hoxe a adxudicación das obras de reforzo e acondicionamento da estrada DP-3203 de Burricios a Pena de Martín, unha actuación que abrangue un treito de máis de oito quilómetros entre os puntos quilométricos 0+000 e 8+370. Este proxecto, integrado no Plan de Vías Provinciais do presente exercicio, conta cun orzamento que ascende a 809.403,82 euros e ten como obxectivo prioritario garantir a seguridade viaria e preservar o patrimonio da rede de estradas de titularidade provincial.
Os traballos responden á necesidade de reparar os danos causados pola incidencia climática do pasado inverno e o desgaste natural derivado do tráfico, factores que provocaron o deterioro da capa de rodadura en diversos tramos. A intervención técnica contempla o saneo puntual de zonas con fallos estruturais superficiais e a posterior extensión dunha nova capa de mestura asfáltica en quente. Estas tarefas veranse complementadas coa renovación da sinalización horizontal mediante marcas viarias e a actualización da sinalización vertical para optimizar a seguridade de todos os usuarios da vía.
A deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, destacou a importancia deste tipo de intervencións para a conservación da rede provincial: "O mantemento e a mellora continua das estradas provinciais é unha prioridade para a Deputación, porque falamos de infraestruturas esenciais para a mobilidade diaria da veciñanza e para a actividade económica do territorio. Actuacións como a da DP-3203 permiten reforzar a seguridade viaria e alongar a vida útil da infraestrutura".
O proxecto ten un prazo de execución de tres meses a partir da firma da acta de comprobación do replanteo. Para minimizar as molestias aos condutores e asegurar a fluidez da circulación durante o período de obras, os traballos realizaranse por marxes correlativas, de xeito que se manterá sempre operativo un dos carrís de servizo. Esta actuación permitirá non só mellorar o confort na condución, senón tamén reducir os consumos de combustible e as emisións de gases de efecto invernadoiro ao proporcionar unha superficie de rodadura máis homoxénea e eficiente.
