Estás en:Novas

O pleno da Deputación dá luz verde á Senda do Trece en Narón, cun investimento de máis de medio millón de euros

A aprobación técnica do proxecto é o primeiro paso administrativo para a execución desta actuación, que mellorará a seguridade peonil na estrada provincial DP-5404

O pleno da Deputación dá luz verde á Senda do Trece en Narón, cun investimento de máis de medio millón de euros

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe o proxecto técnico da coñecida como Senda do Trece, na estrada provincial DP-5404 (Xuvia–Praia da Frouxeira), no concello de Narón, unha actuación que contará cun investimento de 534.170,89 euros.

Esta aprobación supón o primeiro paso administrativo para facer realidade unha intervención destinada a mellorar a seguridade viaria e a mobilidade peonil nun tramo con elevada intensidade de tráfico e sen espazos adecuados para o tránsito das persoas.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que "se trata dunha actuación moi demandada pola veciñanza de Xuvia, que permitirá facer máis segura unha estrada pola que circulan diariamente vehículos e peóns nunha contorna con vivendas e actividade". Formoso subliñou que o proxecto responde ao compromiso da institución provincial de "seguir avanzando cara a estradas máis seguras, máis humanas e pensadas tamén para quen se despraza a pé".

O proxecto contempla a construción dunha senda peonil pola marxe esquerda da vía entre os puntos quilométricos 1+500 e 2+950, cunha lonxitude aproximada de 1,45 quilómetros e un ancho de 1,80 metros. O itinerario contará con pavimento de formigón, sistema de drenaxe de augas pluviais, sinalización horizontal e vertical e a adaptación dos servizos afectados.

Debido á proximidade dalgunhas vivendas á calzada, a actuación inclúe tamén a modificación puntual do trazado da estrada entre os PK 2+375 e 2+530, co fin de mellorar as condicións de seguridade tanto para o tránsito peonil como para o tráfico rodado. Para a execución das obras será necesario dispoñer de terreos en determinados puntos, polo que se promoverán acordos cos propietarios para axilizar os trámites.

A aprobación do proxecto chega despois da reunión mantida o pasado 19 de xaneiro entre o presidente da Deputación, a deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, e a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, coa asociación veciñal de Xuvia, na que se presentou a actuación sobre o terreo e se recolleron as achegas da veciñanza.

Formoso destacou a importancia deste proceso participativo: "Para a Deputación é fundamental explicar os proxectos directamente ás persoas afectadas, escoitar as súas necesidades e incorporar as súas propostas sempre que sexa posible".

A Senda do Trece permitirá dotar este tramo da DP-5404 dun itinerario peonil continuo e seguro, mellorando a conexión entre os núcleos de poboación e favorecendo unha mobilidade máis segura e sostible no municipio de Narón. O prazo estimado de execución das obras será de seis meses desde o seu inicio.