Formoso destaca nos Almorzos de Nordés a transformación da Deputación nunha institución útil para o emprego, os concellos e a mellora da vida das persoas
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe nos Almorzos de Nordés Club Empresarial, onde puxo en valor a profunda transformación da institución provincial na última década, orientada a converter a Deputación nunha administración máis útil, próxima e conectada coa realidade económica e social do territorio.
Durante a súa intervención, Formoso destacou que iniciativas como o Plan Único e o Plan de Emprego Local (PEL) supuxeron "unha auténtica revolución" na xestión provincial. O Plan Único multiplicou por catro o investimento nos concellos e permitiu que sexan as administracións locais as que decidan as súas prioridades, mentres que o PEL se consolidou como o maior programa de emprego impulsado por unha administración local en Galicia, contribuíndo á creación de miles de postos de traballo e ao apoio ao tecido empresarial e ao emprendemento.
O presidente provincial puxo tamén en valor decisións estratéxicas adoptadas nos últimos anos, como a recuperación da xestión pública dos parques de bombeiros do Consorcio Provincial Contra Incendios, que estaban en mans privadas, co obxectivo de reforzar a calidade do servizo, mellorar as condicións dos profesionais e garantir unha resposta máis eficaz e segura á cidadanía.
Formoso aproveitou o encontro para reivindicar "os principios da socialdemocracia como base dunha política útil". Neste sentido, subliñou a importancia de "aspirar a gobernar para mellorar a vida da xente", trasladando as boas ideas ao ámbito da xestión e das políticas públicas concretas.
Na súa intervención, o presidente concluíu que o obxectivo das administracións debe ser resolver problemas, crear oportunidades e garantir que o progreso chegue a todo o territorio, especialmente ao rural, para que vivir en calquera concello da provincia non signifique ter menos oportunidades.
