A Deputación da Coruña recibe ás e aos 14 deportistas da provincia participantes no CESA 2026 coas seleccións galegas de balonmán
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira, recibiron na tarde de onte na sede da institución provincial ás e aos 14 deportistas da provincia que formaron parte das seleccións galegas no Campionato de España de Seleccións Autonómicas (CESA) 2026, acadando un dos mellores resultados da historia recente do balonmán galego nesta competición.
Os e as deportistas pertencen aos clubs Escalas Balonmán Xiria, Balonmán Culleredo, Balonmano Línea 21 e Club Cisne, e contribuíron de maneira destacada aos éxitos colleitados por Galicia nas distintas categorías.
Formoso e Leira felicitaron á selección galega que logrou a medalla de prata na categoría xuvenil masculina, coa participación dos coruñeses Marcos Varela, Mateo Martínez e Xoán Canedo; a medalla de bronce na categoría cadete masculina, con Teo Gómez, Manuel Caamaño e Alexis Martínez; dous cuartos postos nas categorías infantís, cos e coas deportistas Rachel Ortiz, Uxía Seoane, Daniel Bra, Aitor Fariña e Mario Prada; e un oitavo posto na categoría cadete feminina, con Rosalía Veiga, Natalia Varela e Claudia Soto. Galicia tamén competiu na categoría xuvenil feminina, aínda que sen representación coruñesa.
No acto participaron familiares e representantes dos clubs, nun encontro no que o deputado recoñeceu o esforzo, o talento e o compromiso destes mozos e mozas co deporte base.
En representación da Federación Galega de Balonmán asistiron o vicepresidente, José Ignacio Permuy, e o directivo Francisco J. Rodríguez, que puxeron en valor o apoio constante da Deputación da Coruña ao balonmán provincial, unha disciplina que experimentou nos últimos anos o maior incremento de licenzas en Galicia.
A Deputación é tamén a principal impulsora da Copa 5x5 de Balonmán na Rúa, un formato pioneiro e innovador que xa chegou a 18 concellos da provincia e contou coa participación de máis de 8.000 nenos e nenas, consolidándose como unha iniciativa clave para achegar este deporte á base e fomentar a práctica deportiva en idades temperás.
