A Deputación colabora coa Asociación de Mariscadoras de Cariño na semente de ameixas na praia de Figueiras
A deputada de Mar, Cristina Capelán, participou hoxe coas mariscadoras na semente de ameixas na praia de Figueiras
A Deputación proporcionou 210 quilos de semente de ameixa xaponesa para contribuír á rexeneración dos bancos marisqueiros e apoiar a continuidade da actividade
A deputada de Mar e Medio Rural da Deputación da Coruña, Cristina Capelán, participou esta mañá xunto ás mariscadoras de Cariño na semente de ameixa xaponesa na praia de Figueiras, unha actuación destinada a reforzar os bancos marisqueiros da zona e apoiar a actividade dun colectivo que atravesa unha etapa especialmente complexa.
"A Deputación da Coruña adquiriu o pasado mes de febreiro arredor de 210 quilos de semente de ameixa xaponesa, unha variedade especialmente axeitada para este tipo de labores pola súa maior resistencia e menor mortalidade. Estas sementes equivalen a preto de 300.000 unidades, que están a ser sementadas polas mariscadoras nos bancos marisqueiros que xestionan en réxime de concesión", explicou a responsable da área de Mar da Deputación da Coruña.
A actuación enmárcase na liña de apoio da institución provincial ao sector pesqueiro e marisqueiro da provincia e, en particular, ás mulleres do mar, que desempeñan un papel esencial na economía e na sustentabilidade do litoral coruñés.
A Asociación de Mariscadoras de Cariño leva tempo atravesando unha situación complicada, marcada pola escaseza de produto e pola caída dos ingresos, ao tempo que debe afrontar os custos das sementes de nova ameixas e do coidado do marisco. A esta situación súmase tamén a desaparición recente da confraría local, que agravou as dificultades organizativas e económicas do colectivo.
O sector marisqueiro galego enfróntase ademais a retos crecente derivados dos efectos do cambio climático, como a alteración da temperatura e da calidade das augas, así como do impacto doutros fenómenos ambientais que afectan á produtividade das rías e provocan episodios de elevada mortalidade dos bivalvos.
Neste contexto, o apoio da Deputación busca favorecer a rexeneración dos bancos marisqueiros e garantir a continuidade da actividade, contribuíndo á recuperación produtiva destes espazos e á sustentabilidade do recurso.
Rexeneración dos bancos marisqueiros
Unha primeira parte das ameixas foi sementada na zona dos Altos de Cedeira (CL-080), segundo o código de SIGREMAR, mentres que o resto permaneceu en pochóns, sacos de rede que permiten manter a ameixa en condicións adecuadas na auga ata o momento da sementeira.
Na xornada de hoxe completouse o proceso coa sementeira do resto das ameixas na praia de Figueiras, nunha actividade na que participaron tamén biólogos da Xunta de Galicia, encargados de supervisar tecnicamente o proceso e de autorizar a actuación.
A talla media dos moluscos sementados sitúase entre os 15 e os 18 milímetros e, segundo estiman as mariscadoras, as ameixas necesitarán entre dous e dous anos e medio para acadar a talla comercial que permita a súa extracción e comercialización.
