Máis de 3.000 atletas percorrerán as rúas de Santiago na carreira “Os 10.000 Peregrinos” da Deputación da Coruña
A proba consolídase como unha das máis accesibles, con distancias para todos os públicos, desde a 10k a unha andaina 2K sen barreiras, para gozar do deporte nun escenario privilexiado como as rúas de Compostela
As inscricións son gratuítas e están abertas en www.os10000peregrinos.gal e www.carreirasgalegas.gal
O Hostal dos Reis Católicos acolleu esta mañá a presentación dunha nova edición de "Os 10.000 Peregrinos", a carreira pedestre que percorrerá o corazón de Santiago o vindeiro domingo 22 de marzo e que prevé reunir a máis de 3.000 participantes.
A proba contará coa presenza de atletas destacados como Adel Mechaal, 19 veces campión de España nas distancias de 1.500 e 3.000 metros, e Isabel Barreiro, atleta de 26 anos que acaba de lograr a cuarta mellor marca española de todos os tempos nos 10 quilómetros. Xunto a eles, espérase unha ampla participación de atletas populares nas distintas modalidades da carreira: 10K, 5K, 2K escolar e a andaina 2K sen barreiras, unha proposta de carácter inclusivo que permitirá a participación de persoas de todas as idades e condicións.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou o crecemento dunha carreira que triplicou o número de inscricións nos últimos anos e subliñou o seu carácter aberto e popular. "Impulsamos esta iniciativa porque fai cidade e fai provincia, nun deporte moi arraigado na sociedade e para o que só fai falta calzar unhas zapatillas —e ás veces nin iso— para practicalo", afirmou Formoso, que subliñou "a aposta da Deputación para levar o deporte a todos os concellos da provincia" e facelo cunha proba como esta "aberta a toda a familia e a todos os públicos, a persoas de calquera idade e condición física que queiran gozar dun día de deporte".
Pola súa banda, a concelleira de Deportes do Concello de Santiago, Pilar Lueiro, sinalou que a carreira "é unha auténtica festa do deporte que saca tanta xente á rúa para animar e participar", destacando tamén que a celebración en domingo favorecerá a presenza de público ao longo de todo o percorrido. Lueiro puxo en valor ademais a incorporación da andaina inclusiva 2K sen barreiras, que "abre a proba a todo o mundo".
No acto participou tamén o presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín, quen avanzou que nesta edición "superaremos os 3.000 inscritos", confirmando ademais a presenza de Mechaal e Barreiro nun cartel que contará con máis atletas destacados e no que anunciou "algunha sorpresa".
A organización técnica da carreira corre a cargo de Emesports. O seu CEO, Ezequiel Mosquera, destacou o "orgullo que supón participar nun evento deste nivel", unha cita que simboliza "a conexión entre atletas de primeiro nivel e deportistas populares". Segundo explicou, a organización busca dotar a "Os 10.000 Peregrinos" dunha loxística "propia dunha maratón internacional" nunha proba que medra ano tras ano. Entre as novidades desta edición, a carreira poderá seguirse tamén a través dunha pantalla xigante.
