Estás en:Novas

A programación da Deputación neste 8M pon o acento en que sen as mulleres non hai progreso nin xustiza social

Combina memoria, igualdade e participación social, cun eixo común: o poder colectivo das mulleres para transformar a sociedade

A institución subliña que recuperar a memoria das mulleres, visibilizar as súas resistencias e fortalecer a sororidade permite lembrar que a igualdade non está garantida, senón que se constrúe cada día

A programación da Deputación neste 8M pon o acento en que sen as mulleres non hai progreso nin xustiza social

A Deputación da Coruña conmemora este ano o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, cunha programación que combina memoria, igualdade e participación social, cun eixo común: o poder colectivo das mulleres para transformar a sociedade.

O obxectivo da iniciativa é poñer en valor a forza que sostén a vida comunitaria e impulsa cambios reais, mesmo cando non sempre é recoñecida. Desde a institución provincial subliñan que recuperar a memoria das mulleres, visibilizar as súas resistencias e fortalecer a sororidade permite lembrar que a igualdade non está garantida, senón que se constrúe cada día coa implicación activa de toda a cidadanía. Neste sentido, a programación deste 8M pon o acento en que sen as mulleres non hai progreso nin xustiza social.

Entre as actividades previstas figura a presentación do proxecto 'Mulleres da Reconversión', unha iniciativa que recupera a memoria e o papel das mulleres na reconversión naval dos anos 80 e 90 en Ferrolterra. O proceso incluíu encontros en Fene, a recollida de testemuños, unha visita ás antigas instalacións de ASTANO e a creación dun documental, dunha exposición itinerante e dunha publicación dixital. A presentación pública terá lugar o 6 de marzo ás 18:00 horas na Casa da Cultura de Fene.

A programación inclúe tamén o concerto 'Vacanal Sinfónica', co que o grupo De Vacas celebra o seu décimo aniversario. O espectáculo desenvolverase o 7 de marzo ás 20:00 horas no Pazo da Cultura de Carballo e contará con arranxos de Lucas Rei, coa participación do Coro da Ra baixo a dirección de Ramón Bermejo e cunha orquestra creada especificamente para este proxecto.

Nos próximos meses levarase a cabo ademais unha adaptación para interiores da exposición 'Sinaladas', da xornalista e investigadora Montse Fajardo. A mostra percorre cen anos de loita das mulleres galegas a través de 39 paneis e porase a disposición das entidades interesadas. A iniciativa completarase coa celebración de cinco charlas nos concellos de Coirós, Moeche, Muros, Muxía e Sobrado.

Ademais destas propostas, ao longo dos vindeiros meses desenvolveranse múltiples actividades en concellos da provincia, con obradoiros, teatro, contacontos, proxeccións de curtas e propostas para público infantil e adulto. As accións contarán coa participación de compañías e entidades comprometidas coa igualdade, o feminismo e a diversidade. A información completa poderá consultarse a través da web e das redes sociais da Deputación da Coruña.

+ Declaración institucional da Deputación da Coruña polo 8M