O alumnado da UDC e do Liceo La Paz descobre no CEI o potencial do maior plató virtual de España
A deputada de Emprego e Industria, Rosa Ana García, acompañou a visita formativa ao Coruña Estudo Inmersivo
O alumnado do Grao en Animación e Videoxogos da Universidade da Coruña (UDC) e do ciclo de Formación Profesional en Animación 3D, Videoxogos e Contornas Interactivas do Liceo La Paz participou onte nunha visita formativa ao Coruña Estudo Inmersivo (CEI), a infraestrutura de produción virtual impulsada pola Deputación da Coruña.
A deputada da área de Emprego e Industria, Rosa Ana García, acompañou o estudantado e profesorado nesta actividade, que permitiu coñecer de primeira man as posibilidades profesionais que ofrece esta tecnoloxía de vangarda para o sector audiovisual.
Durante a visita, arredor de 60 persoas vinculadas ao ámbito educativo tiveron a oportunidade de descubrir o funcionamento do maior plató virtual de España, equipado con 758 paneis LED 4K capaces de crear escenarios envolventes e hiperrealistas que permiten reproducir en tempo real calquera localización, combinando contornas físicas e virtuais.
O alumnado recibiu ademais formación técnica especializada en produción virtual, afondando en ferramentas avanzadas como o sistema de Gaussian Splatting, unha técnica de reconstrución tridimensional que permite crear contornas dixitais de grande realismo a partir de imaxes reais. Tamén coñeceron o funcionamento de Pixotope, unha solución baseada no motor gráfico Unreal Engine que facilita a creación de escenarios virtuais interactivos en tempo real e amplía as posibilidades creativas e técnicas das producións audiovisuais.
O titor do ciclo superior de Animación 3D, Videoxogos e Contornas Interactivas do Liceo La Paz, Daniel Suárez, destacou a importancia deste tipo de iniciativas para a formación do alumnado. "A produción virtual é unha tecnoloxía que está a transformar o sector audiovisual, e que o noso alumnado poida coñecela nun ambiente profesional é unha oportunidade extraordinaria. Este tipo de iniciativas non só reforzan a preparación do estudantado, senón que tamén posicionan a cidade como un espazo innovador e xerador de talento creativo e tecnolóxico", afirmou.
Pola súa banda, Rosa Ana García subliñou que esta iniciativa se enmarca na aposta da Deputación da Coruña polo sector audiovisual como ámbito estratéxico a provincia, como nicho de creación e emprego e de proxección exterior de Galicia. "O que procuramos con estas actuacións é que tanto as universidades como os centros de formación profesional complementen a súa oferta formativa con visitas técnicas que lles permitan acceder á tecnoloxía de última xeración e experimentar o potencial enorme que ten para o futuro da industria audiovisual", sinalou.
A deputada destacou tamén o papel do Coruña Estudo Inmersivo, xestionado por Pedralonga Estudios, como eixe do hub audiovisual da Cidade das TIC, que sitúa á provincia da Coruña na vangarda da produción virtual e contribúe á atracción de rodaxes e investimentos.
