Estás en:Novas

As Mulleres da Reconversión reciben en Fene un caloroso recoñecemento polo 8M

A iniciativa, impulsada pola Área de Igualdade da Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Fene, inclúe unha peza documental, unha exposición itinerante e unha publicación dixital

O acto de presentación e homenaxe tivo lugar na Casa da Cultura de Fene, coa participación de representantes institucionais e das mulleres protagonistas no proxecto

As Mulleres da Reconversión reciben en Fene un caloroso recoñecemento polo 8M

Sol Agra e algunhas das protagonistas

A Casa da Cultura de Fene acolleu este serán un acto fondamente emotivo de presentación do proxecto Mulleres da Reconversión, unha iniciativa de memoria e igualdade impulsada pola Deputación da Coruña, a través da súa Área de Igualdade e Dereitos Civís, en colaboración co Concello de Fene no marco da programación do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres.

O acto converteuse nun espazo de recoñecemento colectivo, no que se puxo voz e rostro a unha memoria durante catro décadas silenciada: a das mulleres que viviron a reconversión naval de ASTANO desde os coidados, a organización, a loita e o sostén das familias. A proxección do documental Mulleres da Reconversión, dirixido por Iago Varela, marcou un dos momentos máis intensos da tarde, xerando un silencio compartido entre un público visiblemente emocionado.

Na presentación participaron a deputada de Igualdade e Dereitos Civís, Sol Agra; a directora de Navantia Fene, Carla Chawla; o director do proxecto, Iago Varela; e a alcaldesa de Fene, Sandra Permuy.

Un acto de xustiza social

A deputada Sol Agra subliñou que "é un acto de xustiza social poñer en valor o papel destas mulleres, imprescindible para entender como se sostivo a vida durante os anos da reconversión" e destacou o compromiso da Deputación coa recuperación da memoria feminista como pare das políticas públicas de igualdade. "Queremos que esta memoria saia de Fene e percorra a provincia, porque as historias destas mulleres tamén forman parte da historia común de moitos outros concellos", avanzou.

Pola súa banda, Carla Chawla puxo en valor a colaboración de Navantia co proxecto e o significado do estaleiro como espazo de memoria compartida. "Navantia Seanergies non foi allea á evolución do papel das mulleres, e neste sector cada vez estamos máis e mellor representadas. Por iso seguiremos apoiando proxectos como este que nos dean visibilidade", sinalou, amosando a disposición da empresa a seguir colaborando con iniciativas que dean visibilidade ás mulleres traballadoras e loitadoras, dentro do sector naval e fóra del.

O director do proxecto e do documental, Iago Varela, destacou a dimensión humana do proceso. "O máis valioso deste proxecto non é o que se ve no documental ou na exposición, senón todo o que aconteceu antes: os encontros e as conversas, nas que houbo momentos moi duros, pero tamén moita xenerosidade". "Con este documental, a nosa intención foi fuxir dunha mirada épica ou heroica para centrarnos na vida cotiá, nos coidados e na resistencia silenciosa que fixo posible seguir adiante", concluíu Varela.

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, pechou o acto cunha intervención de agradecemento na que lembrou que "Fene é un concello profundamente marcado pola reconversión naval, un proceso que deixou unha pegada moi fonda nas casas". Como filla da reconversión, subliñou que "hai lembranzas que forman parte da infancia e da memoria emocional de toda unha xeración, e que non sempre tiveron espazo nos relatos oficiais", e rematou cun agradecemento ás mulleres participantes no proxecto "pola súa xenerosidade e a valentía de volver mirar a aquel tempo".

Unha sentida homenaxe

Ademais da proxección do documental, un dos momentos máis especiais da tarde foi o recoñecemento ás mulleres participantes no proxecto, que subiron ao escenario para recibir un agasallo conmemorativo: unha lámina creada expresamente para a ocasión polo artista galego Leandro Lamas, concibida como homenaxe visual á memoria e á resistencia das mulleres da reconversión. O acto rematou cun longo aplauso nun ambiente de emoción e recoñecemento compartido.

Mulleres da Reconversión concrétase nun documental audiovisual, unha exposición itinerante composta por oito paneis e unha publicación dixital. Está previsto que o documental poida verse en liña proximamente, así como que a exposición inicie a súa itinerancia, primeiro polas parroquias de Fene e posteriormente pola provincia, cun calendario que se dará a coñecer nos vindeiros días.

O proxecto contribúe a construír un relato máis completo e xusto da reconversión naval, situando no centro ás mulleres e recoñecendo o seu papel como parte esencial da historia colectiva de Fene e de Ferrolterra.