Xosé Regueira pon en valor o impulso da Feira do Queixo de Moeche como motor económico e social para a comarca
O vicepresidente da Deputación participou este martes no acto de presentación da oitava edición da feira
«Concellos pequenos en orzamento, coma Moeche, pero grandes en ilusión, merecen sempre o apoio da Deputación», afirmou Regueira
O presidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, participou este martes na presentación da VIII Feira do Queixo de Moeche, que terá lugar o próximo domingo, 15 de marzo. No acto estivo acompañado pola deputada de Plans Provinciais, Cristina García —concelleira no municipio—, e pola alcaldesa, Beatriz Bascoy. Na súa intervención, salientou o papel destes eventos na dinamización económica e social do territorio, especialmente en concellos de pequeno tamaño, con influencia tanto na produción agrogandeira como na hostalaría.
«Eu creo que en concellos pequenos en orzamento, coma Moeche, pero grandes en ilusión, en fe, en querer trasladarlle músculo e vitalidade á súa cidadanía e aos seus sectores económicos, merecen sempre o apoio da Deputación», insistiu o vicepresidente da Deputación.
Xosé Regueira puxo en valor o esforzo do Concello por consolidar ao longo dos anos unha cita que, segundo subliñou, ten un impacto que vai máis alá da propia feira. «Hai concellos que teñen enormes orzamentos, pero que non son capaces de emprender ou que non se atreven a emprender retos como o que emprende o concello de Moeche mantendo cada ano unha Feira do Queixo tan importante coma esta, mellorando en cada edición», afirmou.
Apoio da Deputación da Coruña
O vicepresidente lembrou que a Deputación leva anos apoiando a feira e que nesta edición se dá «un paso máis». Neste sentido, indicou que «a Deputación leva apoiando esta feira desde hai moito tempo, e este ano damos un pasiño máis, pois ademais do apoio económico a través da liña de subvencións, pedímoslle ao Concello a posibilidade de estar na feira co noso mercado de artesanía agroalimentaria».
Esta iniciativa permitirá, na súa opinión, que outros produtores da provincia participen e coñezan de primeira man o funcionamento dun evento que se consolidou como referente ao redor do queixo e doutros produtos de calidade. O vicepresidente engadiu que «a feira está escalando e a Deputación o que vai intentar é darlle, ademais, soporte ao resto da cadea de valor da enogastronomía que traballa habitualmente connosco, para que se sirva tamén da cantidade de xente que se vai achegar durante estas dúas xornadas ao recinto feiral de Moeche».
Variada programación
A programación desenvolverase durante toda a fin de semana con propostas para todos os públicos. Haberá postos de venda de queixos e produtos artesáns, actuacións musicais, obradoiros, catas comentadas, actividades infantís, visitas guiadas e sorteos de produtos. No espazo do Mercado da Deputación organizaranse tamén varias mostras de cociña a cargo do chef André Azúa —ás 11:30, 12:30 e 13:30 horas—. Ademais, o grupo De Ninghures oferecerá un concerto, tamén financiado pola Deputación, ás 19:30.
