Estás en:Novas

A Deputación da Coruña apoia con 179.000 euros o traballo das protectoras de animais da provincia

As axudas permitirán financiar melloras en refuxios, compra de material e gastos veterinarios, así como programas de recollida e atención de animais abandonados

A Deputación da Coruña apoia con 179.000 euros o traballo das protectoras de animais da provincia

FOTO: Asociación Protectora de Animais Moura

A Deputación da Coruña destina este ano 178.978,40 euros a apoiar o traballo das asociacións protectoras de animais domésticos da provincia, a través de dúas liñas de subvención: unha para actividades e outra para investimentos destinados á mellora das súas instalacións.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe a concesión provisional destas axudas, que suman 142.223,20 euros para actividades e 36.755,20 euros para investimentos, beneficiando a numerosas entidades que desenvolven un labor fundamental na protección e benestar animal na provincia.

A deputada responsable da área de Medio Ambiente, Rosa Ana García, destacou que estas subvencións "permiten apoiar o traballo diario que realizan as protectoras, moitas veces de forma voluntaria e con recursos limitados, para garantir o coidado, a atención veterinaria e a busca de fogares para animais abandonados".

A deputada subliñou tamén que "o labor destas entidades é esencial para avanzar cara a unha sociedade máis responsable e comprometida co benestar animal, polo que desde a Deputación seguimos reforzando o apoio a estes colectivos".

As axudas para actividades permitirán sufragar gastos relacionados coa alimentación, atención veterinaria, esterilización, campañas de adopción, recollida de animais abandonados ou programas de control de colonias felinas. Pola súa banda, as subvencións para investimentos destínanse a mellorar as instalacións das protectoras ou adquirir equipamentos necesarios para o seu funcionamento.

Axudas para investimentos (36.755,20 €)
As entidades beneficiarias desta liña son:

· Asociación Comportamento Ético Animais COMETA – 13.920,00 € (obras de ampliación do refuxio).

· Asociación Gatocan Oroso – 2.632,00 € (compra de ferramentas e ordenador).

· Asociación Protectora de Animais Moura – 4.435,20 € (adquisición de mobiliario e gaiolas).

· Asociación Protectora de Animais Xuntos As Mariñas – 5.568,00 € (investimentos nas instalacións).

· Asociación Protectora de Animales San Francisco de Asís – 5.200,00 € (substitución da condución de auga potable do refuxio).

· Asociación Protectora de Animais Gatocan – 5.000,00 € (compra de seis gaiolas de hospitalización).

Axudas para actividades (142.223,20 €)
As subvencións para o desenvolvemento de actividades concédenselles ás seguintes entidades:

· Save an Angel – Os Olvidados – 13.920,00 €.

· Asociación pola Protección Animal Abeiro – 14.560,00 €.

· APADAN – 18.720,00 €.

· Asociación Protectora San Francisco de Asís – 10.400,00 €.

· Gatos Ferales das Pontes – 4.380,00 €.

· Asociación Protectora de Animais Arca de Noia – 5.280,00 €.

· Asociación Comportamento Ético Animais COMETA – 11.080,00 €.

· Asociación Protectora de Animais do Camiño – 5.184,00 €.

· Asociación Protectora de Animais Moura – 10.841,60 €.

· Asociación Protectora de Animais Xuntos As Mariñas – 13.920,00 €.

· Callejeros Barbanza – 8.089,60 €.

· Asociación Gatocan Oroso – 5.848,00 €.

· Asociación Protectora de Animais Gatocan – 20.000,00 €.