Estás en:Novas

O Consello Director do Parque Compostela Rupestre aborda a sinalética dos xacementos, o mantemento das fincas e a conformación do comité científico

O deputado de Patrimonio, Xosé Penas, avanzou que se renovará o convenio para converter o CIRVI no «epicentro» de Compostela Rupestre

O Consello Director do Parque Compostela Rupestre aborda a sinalética dos xacementos, o mantemento das fincas e a conformación do comité científico

Intervención de Xosé Penas, deputado de Patrimonio

O salón de plenos do Concello de Santiago de Compostela acolleu este mércores a xuntanza do Consello Director do Parque Compostela Rupestre. Trátase dunha iniciativa impulsada pola Deputación da Coruña, coa participación dos concellos de Santiago de Compostela, Ames, Brión, Teo e Val do Dubra (este último non puido asistir á xuntanza).

Durante o encontro informouse sobre a sinalética dos parques e xacementos, así como sobre a situación das limpezas e dos terreos. A reunión serviu tamén para abordar as actuacións previstas no ámbito do parque e ratificar a incorporación do Concello de Outes a Compostela Rupestre, á espera da validación por parte do comité científico.

No relativo á sinalética, o deputado provincial de Patrimonio, Xosé Penas, explicou que a proposta de sinalización das rutas e dos parques foi aceptada por todos os concellos participantes. A Deputación está a traballar nun modelo unitario para identificar as rutas e os emprazamentos concretos dos bens patrimoniais, co obxectivo de ofrecer información complementaria sen competir coa sinalización turística existente nas estradas.

Durante a xuntanza abordouse tamén a situación da roza das fincas e o mantemento dos espazos. Segundo indicou o deputado, xa se realizou un primeiro traballo de roza e adecuación das fincas e «agora, ese traballo, loxicamente, témolo que manter no tempo, tanto os concellos como a Deputación».

Outro dos asuntos tratados foi a constitución do comité científico do parque. Penas explicou que este proceso está condicionado «pola dificultade de moito persoal técnico para poder participar nel». Con todo, expresou o seu desexo de que estea conformado «antes do verán».

O CIRVI, epicentro de Compostela Rupestre

Na reunión tamén se abordou a situación do CIRVI —Centro de Interpretación da Arte Rupestre de Villestro—. «Vaise renovar o convenio para que poida comezar a licitación e ter preparado ese centro como epicentro de todo o que serán as rutas de Compostela Rupestre», indicou o deputado.

Ademais, tratouse a cuestión da adquisición, expropiación e traspaso de propiedades nas que se localizan xacementos e petróglifos, un proceso que se levará a cabo de maneira conxunta entre a Deputación e os concellos participantes.

Finalmente, Penas destacou a vontade de impulsar actividades arredor do patrimonio vinculado a Compostela Rupestre. «Queremos impulsar actividades ao redor do patrimonio de Compostela Rupestre para dar a coñecer entre a cidadanía o que se está a facer ao abeiro desta iniciativa», afirmou.