Regueira inaugura na Coruña a xornada ‘Erros x Aprendizaxes’ sobre aprendizaxe empresarial no ámbito dixital
«Os erros non son fracasos, senón unha sorte de profesores caros; o importante é saber aproveitalos para aprender máis rápido», expresou o vicepresidente da Deputación
O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira Varela, participou esta mañá na inauguración do encontro profesional 'Erros x Aprendizaxes', que se celebra en Palexco e no que empresas galegas e españolas do ámbito dixital comparten experiencias sobre os erros cometidos nos seus procesos de crecemento e as aprendizaxes que lles permitiron avanzar.
Durante a apertura da xornada, Regueira destacou o valor de espazos que apostan por unha visión honesta do emprendemento e que rompen coa idea dun éxito empresarial sen dificultades. O vicepresidente sinalou que encontros coma este permiten «desmitificar o éxito e pór sobre a mesa a verdade crúa das campañas fracasadas», incidindo en que moitas veces os erros «non son fracasos, senón unha sorte de profesores caros».
Neste sentido, subliñou que a diferenza entre abandonar ou avanzar está na capacidade de aprender deses golpes e seguir adiante. «É o que diferencia a quen abandona de quen aproveita eses erros para aprender máis rápido, con menos drama e sen vergoña», afirmou.
Regueira tamén valorou o carácter colaborativo do encontro, que anima ás empresas a compartir tanto os fallos como os acertos. Segundo explicou, esta dinámica permite «deixar a fachada nas redes e compartir tamén os pantallazos feos», lembrando que detrás de cada proxecto empresarial que consegue consolidarse adoita haber momentos difíciles que forman parte do proceso.
O vicepresidente salientou ademais que a xornada serve para socializar experiencias e coñecementos entre profesionais do sector dixital, compartindo tamén os éxitos e as fórmulas que os fixeron posíbeis, aínda que advertiu de que «o que funcionou unha vez, poida que non volva funcionar xamais».
Con todo, destacou que encontros como 'Erros x Aprendizaxes' contribúen a fortalecer o ecosistema empresarial a través do intercambio de experiencias. «Trátase de compartir e enriquecernos coas experiencias de todas e de todos», concluíu.
O encontro
'Erros x Aprendizaxes' reuniu no Palexco responsábeis de marcas de referencia que explicarán, en primeira persoa, como transformaron erros en oportunidades de mellora e innovación. Son a marca de moda feminina Par & Escala; a empresa de distribución de xeo Yo pongo el hielo; a xoiaría Rígido; a cadea hoteleira Alda Hotels; a firma creativa Heimat Atlántica; Joyerías Calvo; a tenda de streetwear e sneakers Cultura Urbana; a compañía tecnolóxica Dinahosting; a axencia de marketing dixital Smartclick; e o bufete Pintos & Salgado.
