Estás en:Novas

A Deputación da Coruña celebra a sentenza que devolve o pazo de Meirás ao patrimonio público

Formoso valorou que o inmoble regrese "ás mans das que non debera ter saído, as do pobo galego", e mostrou a súa satisfacción porque o Tribunal Supremo coincida cos informes xurídicos e históricos da institución provincial, "que avalaron dende o primeiro minuto que o edificio era patrimonio público e non privado"

"Tiñamos razón cando no ano 2017 iniciamos un traballo arduo e nos encontramos coa contestación de Rajoy, que dicía que o Estado non se ía meter coa familia Franco, e tivo que cambiar o Goberno para que o Estado si se metera con ela", recordou o presidente provincial

A Deputación da Coruña celebra a sentenza que devolve o pazo de Meirás ao patrimonio público

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, expresou hoxe a súa satisfacción pola sentencia sobre a propiedade do pazo de Meirás que o Tribunal Supremo vén de anunciar. "Era unha boa nova pola que estabamos esperando", asegurou, e valorou que o fallo lle fai xustiza "a unha sociedade que veu como se cometeu un fraude para doarlle o pazo ao ditador".

"Tiñamos razón cando no ano 2017, xunto coa Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás iniciamos un traballo arduo, porque non había en España un Goberno progresista", recordou o presidente provincial, que lamentou que naquel momento a Deputación se atopase "coa contestación de Mariano Rajoy". Tal como lembrou, o entón presidente "dicía que o Estado non se ía meter coa familia Franco, e tivo que cambiar o Goberno de España para que o Estado si se metera coa familia Franco para facer xustiza".

Formoso celebrou que o fallo de hoxe marca definitivamente que o pazo de Meirás "é outra vez do pobo de Sada e da Coruña" e que, ademais, "estase a facer xustiza coa memoria dos represaliados e represaliadas".

"O pazo volve ás mans das que non debera ter saído, as do pobo galego", salientou para insistir na ledicia por que o Alto Tribunal "coincida cos informes xurídicos, técnicos e históricos da Deputación, que avalaron desde o primeiro minuto que o edificio era público e non privado".

Sol Agra, deputada de Dereitos Civís da Deputación da Coruña, tamén valorou positivamente a sentenza do Supremo sobre o Pazo de Meirás, "pois confirma o que as persoas que investigaron durante anos levan tempo denunciando: a ditadura non só foi un brutal sistema de represión ideolóxica, política e moral, senón tamén unha maquinaria organizada de enriquecemento particular duns poucos".

A deputada celebrou así mesmo unha resolución xudicial "que lle devolve ao pobo aquilo que ao pobo se lle espoliara", e quixo aproveitar este momento para render homenaxe a cantas persoas, a título individual e colectivo, dedicaron anos de traballo e compromiso a facer posible esta vitoria.