Formoso destaca en Ribeira que o Plan Único mobilizou máis de 111 millóns de euros e financiou 603 obras nos concellos do Barbanza
O presidente da Deputación reclama á Xunta que incremente ata un mínimo de 200 millóns de euros o Fondo de Cooperación Local para reforzar o financiamento municipal
A deputada de Plans, Cristina García, subliña que o POS+ "é un modelo baseado na autonomía municipal e na confianza nos concellos"
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a deputada de Plans, Cristina García, presentaron hoxe no Concello de Ribeira os investimentos do Plan Único (POS+) nos concellos da comarca do Barbanza, nun acto institucional no que estiveron acompañados pola alcaldesa de Ribeira, Mariola Sampedro.
Durante o encontro analizouse o impacto deste programa provincial nos once concellos da comarca —Boiro, Carnota, Lousame, Mazaricos, Muros, Noia, Outes, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo e Ribeira— e destacouse o papel do POS+ como principal ferramenta de financiamento municipal impulsada pola Deputación da Coruña.
Formoso explicou que o POS+2026 supón este ano unha achega de máis de 11 millóns de euros para os concellos do Barbanza, uns fondos "que permitirán mellorar infraestruturas municipais, reforzar servizos públicos e financiar programas sociais nos municipios da comarca"
O presidente provincial destacou que o Plan Único consolidouse nestes anos como "a principal ferramenta de investimento da Deputación nos concellos, xa que permite que cada municipio decida con plena autonomía o destino dos fondos provinciais segundo as súas necesidades".
Formoso lembrou tamén a necesidade de mellorar o financiamento municipal en Galicia e sinalou que só a través do Plan Único a Deputación investiu o pasado ano 138 millóns de euros nos concellos da provincia da Coruña, unha cifra que supera en 20 millóns de euros á que a Xunta de Galicia destina ao conxunto dos 313 concellos galegos a través do Fondo de Cooperación Local.
Por iso reclamou á administración autonómica "que incremente este fondo ata acadar un mínimo de 200 millóns de euros, co obxectivo de reforzar a capacidade financeira dos municipios".
"Estamos nun momento no que os concellos están a asumir cada vez máis custos para manter servizos básicos e isto reduce a marxe para facer novos investimentos", explicou Formoso, que apuntou que moitos municipios se ven obrigados a destinar parte dos fondos do POS+ a gasto corrente para garantir o funcionamento dos servizos municipais.
Máis de 111 millóns de euros investidos na comarca
O presidente provincial destacou tamén o importante impacto que o Plan Único está a ter no Barbanza. Desde a creación do POS+ en 2017 mobilizáronse na comarca máis de 111,2 millóns de euros, que permitiron financiar 603 obras nos once concellos, contribuíndo á mellora de infraestruturas, equipamentos e servizos públicos municipais.
Pola súa banda, a deputada de Plans, Cristina García, subliñou que o POS+ é "a única forma na que entendemos a cooperación cos concellos", ao apostar por un modelo baseado na autonomía municipal, na confianza nas administracións locais e nos criterios de obxectividade. "Os concellos coñecen mellor ca ninguén as necesidades da súa veciñanza e por iso este plan permite que sexan eles quen decidan en que investir os recursos", afirmou.
Así mesmo, expresou que todos os concellos da provincia merecen "o mesmso apoio, sexa cal sexa a súa cor política. O POS funciona con criterios obxectivos, públicos e iguais para todos", un modelo que se contrapón as decisións finalistas que dependían de decisións discrecionais e que servían como ferramenta política ou electoral"
A alcaldesa de Ribeira, Mariola Sampedro, destacou que a cooperación entre administracións "é fundamental". Puxo en valor o POS como "ferramenta fundamental para executar obras coas que dar servizos á nosa veciñanza. Eses servizos básicos que van dende abastecementos e saneamentos a pavimentacións". Ademais, puxo en valor que este plan permita financiar gasto corrente, "un dos maiores problemas que temos os concellos para cadrar o orzamento municipal". Por último, celebrou a próxima aprobación do Plan Adicional para que sexan máis os recursos económicos provinciais que chegan aos concellos.
Visita ás obras no campo de fútbol de Oleiros
Tras o encontro institucional celebrado no Concello de Ribeira, o presidente da Deputación, a deputada de Plans e a alcaldesa visitaron as obras de construción dos novos vestiarios do campo de fútbol de Oleiros, actualmente en execución.
A Deputación inviste 151.101 euros nesta actuación, unha das 127 obras impulsadas en Ribeira con cargo ao Plan Único. Unhas actuacións que se estenden por todas as parroquias e núcleos do municipio, con investimentos destinados á mellora da rede viaria e dos servizos básicos en lugares como Aguiño, Corrubedo, Carreira, Oleiros ou Castiñeiras, entre outros. O Plan Único permitiu tamén actuar na renovación de pavimentos e redes de abastecemento e saneamento de auga, na creación ou mellora de beirarrúas, prazas e espazos públicos e no acondicionamento de instalacións deportivas e culturais, contribuíndo a modernizar infraestruturas e a reforzar os servizos que presta o Concello á veciñanza de Ribeira.
Investimentos do Plan Único na comarca do Barbanza
Comarca do Barbanza |
POS+ |
POS+ |
Núm. obras |
Boiro | 1.403.036,27 | 14.292.726,34 | 61 |
Carnota | 648.467,12 | 6.525.781,36 | 43 |
Lousame | 731.599,68 | 7.493.292,21 | 51 |
Mazaricos | 1.196.641,58 | 11.282.289,42 | 31 |
Muros | 883.509,95 | 8.716.109,31 | 42 |
Noia | 956.926,40 | 9.077.467,04 | 36 |
Outes | 914.754,27 | 8.818.417,05 | 79 |
Pobra do Caramiñal (A) | 714.617,41 | 6.786.934,28 | 31 |
Porto do Son | 1.040.785,92 | 10.381.123,62 | 61 |
Rianxo | 907.021,04 | 8.970.945,61 | 41 |
Ribeira | 1.689.902,62 | 18.932.288,62 | 127 |
Total | 11.087.262,26 | 111.277.374,86 | 603 |
