Estás en:Novas

A Deputación da Coruña acompaña o Centro Ocupacional Pascual Veiga na celebración do seu 35 aniversario

Mar García Vidal destaca o papel das entidades sociais na construción dunha sociedade máis inclusiva

A Deputación da Coruña acompaña o Centro Ocupacional Pascual Veiga na celebración do seu 35 aniversario

A deputada de Política Social da Deputación da Coruña, Mar García Vidal, participou no acto de celebración do 35 aniversario da Asociación Centro Ocupacional Pascual Veiga, celebrado no Ágora da Coruña.

Durante o encontro púxose en valor o importante labor que a entidade vén desenvolvendo ao longo destas tres décadas e media, traballando cada día pola inclusión, a autonomía e a igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade.

A deputada destacou o compromiso das profesionais e profesionais do centro, das familias e das persoas usuarias que forman parte deste proxecto colectivo, subliñando que iniciativas como a do Centro Ocupacional Pascual Veiga constitúen un exemplo do papel fundamental que desempeña o tecido asociativo na construción dunha sociedade máis xusta e inclusiva.

"O verdadeiro progreso dunha sociedade mídese por como coida ás persoas", sinalou Mar García Vidal durante a súa intervención, na que tamén felicitou á entidade polos seus 35 anos de traxectoria e polo seu papel esencial na mellora da calidade de vida das persoas usuarias e das súas familias.