Estás en:Novas

Xosé Regueira e Cristina García subliñan na Feira do Queixo de Moeche a importancia do «produto de 'Km 0'»

O vicepresidente, Xosé Regueira, fai unha valoración «moi positiva» da primeira participación do Mercado da Deputación neste evento

A deputada Cristina García subliña o potencial do recinto feiral e o papel do sector primario nun concello rural con forte tradición produtiva

Xosé Regueira e Cristina García subliñan na Feira do Queixo de Moeche a importancia do «produto de 'Km 0'»

VIII Feira do Queixo de Moeche

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e a deputada de Plans Provinciais, Cristina García Rey, visitaron esta mañá a VIII Feira do Queixo de Moeche coincidindo coa apertura da xornada do domingo no recinto feiral da localidade. Realizaron un percorrido polos postos do Mercado da Deputación instalados na feira, un espazo que reúne produtoras e produtores da provincia e que forma parte das accións de promoción do sector agroalimentario impulsadas pola institución provincial. A presenza deste mercado súmase ao apoio que a Deputación leva prestando ao evento ao longo dos anos.

No marco da programación da feira, Regueira e García —concelleira de Desenvolvemento Local na localidade— asistiron tamén ao primeiro dos tres pases do showcooking do chef André Arzúa, ás 11:30 horas. O cociñeiro preparou lingote de galiña piñeira recheo de queixo de Moeche co seu caldo; así como unha mousse de queixo de Moeche, mel e améndoa caramelizada.

O vicepresidente destacou o valor da feira como exemplo da capacidade de dinamización que poden xerar iniciativas impulsadas desde concellos pequenos. «Eu creo que en concellos pequenos en orzamento, coma Moeche, pero grandes en ilusión, en fe, en querer trasladarlle músculo e vitalidade á súa cidadanía e aos seus sectores económicos, merecen sempre o apoio da Deputación», afirmou.

Regueira puxo tamén en valor o esforzo do Concello por consolidar unha cita que, segundo subliñou, «vai alén da propia feira» e ten repercusión na produción agrogandeira e na hostalaría da comarca. Neste sentido, lembrou que a Deputación leva anos apoiando esta iniciativa e que nesta edición se reforza a colaboración coa presenza do Mercado da Deputación, que permite sumar a outros produtores da provincia e contribuír a ampliar o impacto do evento.

O vicepresidente destacou ademais a boa acollida que está a ter o Mercado da Deputación na súa primeira participación na Feira do Queixo de Moeche. Explicou que «xa desde primeiras horas da xornada» se percibía un ambiente moi animado ao redor dos postos. «Hai moita xente comprando, todo o mundo está moi contento por esta afluencia de público», sinalou. Segundo Regueira, está sendo «fantástica e moi positiva» esta primeira experiencia en Moeche e avanzou que a intención da Deputación é repetir o formato o vindeiro ano.

O tamén deputado de Turismo e Promoción Económica salientou tamén o valor da feira como punto de encontro para produtoras e produtores da provincia. Segundo explicou, ademais das e dos participantes no Mercado da Deputación, outros e outras produtoras están a achegarse para coñecer como poden incorporarse ao ecosistema de empresas da marca 'A paisaxe que sabe', «con todo o positivo que significa para a nosa marca», apuntou.

O vicepresidente incidiu tamén no potencial da feira como espazo de contacto directo co público. «É un evento con moito potencial, sobre todo de persoa consumidora final, distinto a outros aos que imos para abrir vías para as canles de distribución», indicou. Neste sentido, subliñou que este tipo de encontros tamén contribúen a achegarlle á cidadanía os produtos locais. «É importante para popularizar o produto de altísima calidade que temos entre a sociedade; un produto de quilómetro cero, sostíbel, non só para comer mellor, senón tamén para protexer o noso sistema produtivo e o planeta», afirmou.

Pola súa banda, a deputada provincial de Plans Provinciais e concelleira de Desenvolvemento Local de Moeche, Cristina García Rey, destacou o potencial do recinto feiral da localidade e o peso que ten o sector primario na economía do municipio. «Somos un concello pequeno e rural, cunha forte presenza do sector primario, e ademais temos a sorte de contar cun recinto feiral moi amplo e con moitas posibilidades. Por iso tratamos de aproveitalo ao máximo para organizar iniciativas coma esta feira, que poñen en valor os nosos produtos e dinamizan a vida económica e social do concello», sinalou.

A Feira do Queixo de Moeche reúne durante toda a fin de semana postos de venda de queixos e produtos artesáns, actividades culturais e propostas gastronómicas arredor dun produto emblemático da comarca.

Programación da Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña participa nesta VIII Feira do Queixo de Moeche patrocinando varias actividades e cun mercado de artesanía agroalimentaria baixo a marca 'A paisaxe que sabe'.

Nesta edición, no Mercado da Deputación participan produtoras e produtores da provincia da Coruña como Xearte Brigitte, As Camposeiras, Cafés Aruba, Empanadas Ternura, Asociación Raíña, Cafés Lúa, Galuriña, San Isidro Bakery e Queixo fresco e requeixo Sillobre.

Asemade, a institución provincial tamén organiza este domingo tres demostracións culinarias a cargo do chef André Arzúa —ás 11:30, 12:30 e 13:30 horas—. Para pechar a xornada, o grupo De Ninghures ofrecerá un concerto, tamén financiado pola Deputación, ás 19:30 horas.