Estás en:Novas

A Deputación contribúe á mellora do local social e do espazo veciñal de San Campio, en Outes

A actuación permitiu acondicionar o local social e mellorar a contorna do cemiterio civil parroquial, un espazo de referencia para a vida comunitaria de San Ourente

A Deputación contribúe á mellora do local social e do espazo veciñal de San Campio, en Outes

A Deputación da Coruña apoiou cunha achega de 5.096 euros o proxecto impulsado pola Asociación Veciñal San Campio para mellorar e poñer en valor o espazo recreativo veciñal e o local social situado na contorna do cemiterio civil parroquial de Santo Ourente, no concello de Outes.

A deputada de Medio Rural, Cristina Capelán, e a deputada Sol Agra, visitaron as instalacións para coñecer de primeira man as actuacións realizadas e comprobar as melloras executadas, acompañada por representantes da entidade veciñal.

Durante a visita, Capelán destacou a importancia de apoiar iniciativas que contribúen a fortalecer a vida comunitaria nas parroquias rurais. "Actuacións como esta permiten conservar e mellorar espazos que son fundamentais para a convivencia da veciñanza, ao tempo que reforzan o tecido social do rural", sinalou

Capelán subliñou tamén o papel esencial do asociacionismo veciñal na dinamización do territorio. "O traballo das asociacións é clave para manter vivos os espazos comunitarios e para impulsar actividades que favorecen a participación e a cohesión social nas parroquias", afirmou.

O proxecto permitiu acondicionar e reparar o edificio que funciona como local social, no que se desenvolven reunións veciñais e actividades culturais, así como realizar melloras nos accesos e traballos de mantemento na contorna do recinto. Estas actuacións contribúen a consolidar este espazo como un punto de encontro para a veciñanza e como un lugar de referencia para a vida social da parroquia.

A Asociación Veciñal San Campio leva máis de 25 anos promovendo a participación cidadá e a actividade social en Santo Ourente, organizando iniciativas culturais e sociais que contribúen a dinamizar a vida da parroquia. O local social e o espazo recreativo constitúen hoxe un dos principais puntos de encontro da veciñanza e un elemento clave para manter viva a actividade da contorna.