Regueira destaca Santiago(é)Tapas como ferramenta para desestacionalizar o turismo e poñer en valor o produto local e o talento da hostalaría
O vicepresidente provincial participou na entrega do Premio Deputación da Coruña á Mellor Tapa Creativa
O concurso gastronómico compostelán, que superou as 33 000 tapas vendidas, reafírmase como un motor de promoción turística e económica
A Deputación da Coruña participou este luns no acto de entrega de premios do XVII Santiago(é)Tapas, desenvolto na Sala Mozart do Auditorio de Galiza, no que se recoñeceu o talento e a creatividade dos establecementos participantes nun certame consolidado como unha das grandes citas gastronómicas da cidade. O vicepresidente da Deputación e responsábel da área de Turismo, Xosé Regueira, participou no acto institucional do concurso, que organiza Turismo de Santiago e no que a Deputación da Coruña é principal colaboradora. Na súa intervención, destacou o valor estratéxico dunha iniciativa que contribúe a dinamizar o sector hostaleiro e a reforzar a proxección gastronómica do territorio.
Regueira subliñou que Santiago(é)Tapas é «un evento cun gran valor estratéxico, que leva anos demostrando que a gastronomía é unha das mellores portas de entrada para descubrir o territorio». Neste sentido, sinalou que o certame «non só dinamiza o sector hostaleiro nun mes clave, senón que tamén proxecta a imaxe de Santiago como un destino gastronómico de vangarda e calidade e serve de plataforma para exhibir o enorme talento que temos nos fogóns do noso territorio».
O vicepresidente provincial puxo tamén en valor a tapa como formato culinario capaz de expresar a excelencia da gastronomía galega. «Temos que reivindicar a tapa non é un produto menor; todo o contrario, pode ser tamén unha expresión da alta cociña coa que poñer en valor o produto de proximidade e toda a cadea enogastronómica que hai detrás», subliñou.
Premio Deputación á 'Mellor tapa creativa'
A principal novidade desta edición foi que o galardón principal do certame incorporou por primeira vez o nome da institución provincial. Por este motivo, a alcaldesa de Santiago acompañou o vicepresidente provincial para facer entrega conxunta do Premio Deputación da Coruña á 'Mellor tapa creativa', que recaeu na proposta 'Castelo da Rocha', de ArteSana Gastrobar.
O concurso confirmou nesta edición o seu éxito de participación e consumo, superando as 33 000 tapas vendidas, un 10% máis ca no ano anterior e por riba das máis de 30 000 rexistradas en 2025 e das 25 000 contabilizadas en 2024. Estes datos reafirman o papel do evento como unha ferramenta eficaz para fomentar o consumo durante a temporada baixa e avanzar cara a un modelo turístico máis desestacionalizado.
