A Deputación da Coruña apoia a XLIV Festa do Viño da Ulla en San Miguel de Sarandón (Vedra), que se celebra o 11 e 12 de abril
A deputada de Medio Rural, Cristina Capelán, participou na presentación do evento
A Deputación da Coruña apoia un ano máis a Festa do Viño da Ulla de San Sarandón, no concello de Vedra. A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, participou hoxe xunto ao alcalde de Vedra, Carlos Martínez Carrillo, e a presidenta da comisión organizadora, Marieli Mogo, na presentación da XLIV edición desta celebración, unha cita plenamente consolidada que cada ano reúne a veciñanza de toda a comarca arredor da cultura vitivinícola e da gastronomía local.
Durante a súa intervención, Capelán destacou o papel da Deputación da Coruña no apoio a iniciativas que poñen en valor o rural galego, subliñando que "Galicia é terra de produto, de colleita e de tradición, e por iso resulta fundamental continuar impulsando e dando visibilidade a esta riqueza que nos define como pobo".
A Festa do Viño da Ulla, que conta cunha longa traxectoria dende a súa creación en 1980, representa, en palabras da deputada, "un claro exemplo da importancia de preservar as tradicións e de apoiar o produto local e a cultura vitivinícola da zona".
Neste sentido, incidiu tamén na necesidade de que as distintas institucións colaboren de maneira coordinada, sumando esforzos para fortalecer este tipo de eventos, que contribúen de forma significativa ao desenvolvemento económico e social do territorio.
A Deputación da Coruña é unha das principais tidade colaboradora desta tradicional cita, que se celebrará o 11 e 12 de abril en San Miguel de Sarandón (Vedra).
