Alta participación no concurso de ideas da Casa de Acompañamento a Maiores das Pontes, con 36 proxectos presentados
A Deputación constitúe o xurado tras a reunión da comisión político-técnica e constata avances nas CAM de Rianxo, Ordes e As Pontes
Formoso destaca que a elevada participación "evidencia o interese que esperta este modelo pioneiro de atención ás persoas maiores"
A Deputación da Coruña continúa avanzando no desenvolvemento das Casas de Acompañamento ás Persoas Maiores (CAM), o novo modelo de residencias públicas de maiores impulsado polo goberno provincial e un dos proxectos estratéxicos da institución en materia social para os vindeiros anos. O concurso de ideas para a CAM Pardo Bazán das Pontes vén de rexistrar unha alta participación, cun total de 36 proxectos presentados.
Este dato púxose de relevo na reunión celebrada hoxe na Deputación da Coruña pola comisión político-técnica encargada de supervisar o desenvolvemento destes proxectos. Durante o encontro constituíuse o xurado que será o encargado de avaliar as propostas presentadas, iniciando así a fase de análise técnica das ofertas. A resolución do concurso está prevista para o mes de xuño.
"A elevada participación evidencia o interese que esperta este modelo pioneiro de atención ás persoas maiores, baseado en centros próximos e pequenos con distintas unidades de convivencia, integración coa contorna e atención centrada na persoa. Un modelo afastado das grandes residencias tradicionais", explicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, á saída da reunión.
Ademais dos avances nas Pontes, a Deputación continúa impulsando as outras dúas Casas de Acompañamento previstas na provincia. No caso de Rianxo, está en marcha a tramitación da cesión da parcela onde se situará o centro, xunto ao IES Félix Muriel. Pola súa banda, no concello de Ordes o goberno local atópase actualmente redactando o proxecto.
Deste xeito, as tres CAM promovidas pola Deputación avanzan de maneira coordinada nos seus respectivos trámites, consolidando unha rede pública provincial que aposta por un modelo de coidados máis humano, próximo e adaptado ás necesidades actuais.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou que "seguimos dando pasos firmes para facer realidade este novo modelo residencial que pon ás persoas no centro, favorece a súa autonomía e que podan mater os seus vínculos coa comunidade".
Un novo modelo residencial
As Casas de Acompañamento ás Persoas Maiores (CAM) son unha das principais apostas da Deputación para transformar o modelo de atención residencial na provincia. Fronte ás grandes residencias actuais, este proxecto propón centros de menor tamaño, organizados en unidades de convivencia que funcionan como pequenos fogares, onde se respectan os ritmos, hábitos e preferencias das persoas residentes.
Cada centro estará deseñado para favorecer a vida cotiá nun entorno accesible, acolledor e integrado no territorio, con espazos comúns como salas de estar, comedor ou cociña, así como áreas destinadas a actividades terapéuticas, sociais e culturais. A arquitectura e o deseño destes equipamentos buscan afastarse da estética institucional ou hospitalaria para crear ambientes máis próximos e familiares.
Outro dos piares fundamentais do modelo é a apertura á comunidade, evitando o illamento das persoas maiores e promovendo a súa participación activa na vida social. As CAM contarán con espazos para a convivencia coas familias e coa veciñanza, fomentando relacións interxeracionais e reforzando os vínculos co entorno, así como a posibilidade de dispor de hortas para cultivos e incluso de convivir con animais de compañía.
Con esta iniciativa, a Deputación da Coruña impulsa unha nova rede pública provincial de centros que aposta por un envellecemento activo, digno e acompañado, adaptado ás necesidades actuais e que ademáis de evitar o desarraigo das persoas maiores contribúe tamén a fixar poboación e a crear emprego e reforzar os servizos no rural.
