A Deputación entrega ao Concello de Toques un vehículo para reforzar os servizos sociais municipais
O novo coche facilitará os desprazamentos do persoal e mellorará a atención ás persoas usuarias
A Deputación da Coruña entregou hoxe ao Concello de Toques un novo vehículo destinado a reforzar os servizos sociais do municipio, co obxectivo de facilitar os desprazamentos do persoal e mellorar a atención á veciñanza.
No acto de entrega participaron a deputada de Política Social, Mar García Vidal, o alcalde de Toques, José Ángel Penas, e a traballadora social do municipio, que puideron comprobar de primeira man as prestacións do novo vehículo.
Mar García destacou a importancia de dotar aos concellos de medios axeitados para prestar uns servizos sociais de calidade, especialmente no ámbito rural, onde a dispersión da poboación fai necesario realizar numerosos desprazamentos. "Este tipo de recursos permiten chegar a máis persoas e facelo en mellores condicións, garantindo unha atención máis próxima e eficaz", sinalou.
O novo vehículo contribuirá a facilitar o traballo diario do persoal dos servizos sociais municipais, composto por unha auxiliar de axuda no fogar, unha educadora familiar e unha traballadora social, mellorando a mobilidade e permitindo optimizar o tempo dedicado á atención directa ás persoas usuarias.
A entrega enmárcase na liña de apoio da Deputación da Coruña aos concellos para a mellora dos servizos sociais de proximidade, a través da cal xa se financiaron vehículos destinados a este fin en numerosos municipios da provincia.
Na actualidade, dispoñen de vehículos financiados pola Deputación para os desprazamentos dos servizos sociais os concellos das Pontes, As Somozas, Aranga, Camariñas, Cariño, Carnota, Fisterra, Irixoa, Mañón, Muros, Ortigueira, Outes, Tordoia, Oza-Cesuras, Cabanas, A Baña, Mesía, Dodro, Coirós, Boimorto, Paderne, Dumbría, Santiso, Sobrado e Toques.
