A Deputación e a Federación Galega de Atletismo reforzan a súa colaboración para impulsar as carreiras populares na provincia
Antonio Leira e Yolanda González asinan un convenio para a organización do Circuíto de Carreiras Populares e a proba "Os 10.000 Peregrinos"
O deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira, e a secretaria da Federación Galega de Atletismo, Yolanda González, asinaron hoxe na sede da institución provincial un convenio de colaboración para a organización, regulación e control técnico das probas do Circuíto de Carreiras Populares Deputación da Coruña e da proba "Os 10.000 Peregrinos", que se disputa este domingo en Santiago de Compostela.
O acordo permitirá garantir o correcto desenvolvemento destas citas deportivas, que cada ano reúnen a milleiros de participantes en diferentes concellos da provincia, promovendo a práctica deportiva e a participación cidadá.
Antonio Leira destacou a importancia deste convenio para seguir consolidando un circuíto que leva o deporte a todos os recunchos da provincia e anima a persoas de todas as idades a participar. Pola súa banda, Yolanda González subliñou o papel da Federación Galega de Atletismo como garante do rigor técnico e organizativo das probas.
O convenio inclúe a coordinación e supervisión técnica das carreiras, a elaboración de regulamentos, o control das competicións e a xestión dos aspectos organizativos necesarios para o seu desenvolvemento.
