A Deputación reclama ambulancias medicalizadas para cubrir as necesidades da comarca de Bergantiños e da Costa da Morte
A entidade provincial insta á Xunta a dotar destas unidades os centros de saúde de Carballo e Cee ante a densa poboación e a dispersión xeográfica dos territorios
A Deputación da Coruña reiterou no pleno ordinario deste venres a necesidade urxente de reforzar os servizos de emerxencias sanitarias nas comarcas de Bergantiños e na Costa da Morte mediante a dotación permanente dunha ambulancia medicalizada (Unidade de Soporte Vital Avanzado), que preste servizo as 24 horas do día, para os centros de saúde de Carballo e Cee.
A moción, presentada polo PSdeG-PSOE e o BNG, insta á Xunta de Galicia, á Consellería de Sanidade e á Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 a atender esta demanda, que responde a unha necesidade real da veciñanza destas comarcas. Aprobouse cos votos favorables de PSOE, BNG e AV e a abstención do Partido Popular.
O texto fai referencia a que a comarca de Bergantiños, con Carballo como núcleo central e de maior poboación, aglutina a preto de 70.000 habitantes. Esta realidade demográfica, unida á dispersión propia do territorio, ao volume de actividade industrial e á distancia cos hospitais de referencia situados na Coruña, fai imprescindible contar cuns servizos de emerxencias sanitarias que atendan ás necesidades dos veciños e veciñas.
No referido á Costa da Morte, os concellos levan máis de 25 anos reclamando a dotación dunha ambulancia medicalizada de soporte vital avanzado (SVA), un recurso esencial para garantir unha atención sanitaria urxente e rápida e de calidade.
Tal e como defendeu o voceiro do PSdeG-PSOE, Bernardo Fernández, "cando falamos de emerxencias sanitarias graves, como infartos, ictus ou traumatismos severos, o tempo de resposta é o factor crítico que determina a diferenza entre a vida e a morte, ou entre a recuperación total e o padecemento de secuelas irreversibles". Por iso, a falta destes equipos médicos "obriga a depender de unidades desprazadas desde outras áreas, o que incrementa os tempos de resposta ata límites inasumibles".
"Nin siquera para pedir dúas ambulancias somos capaces de ver ao Partido Popular neste pleno demandando algo á Xunta de Galicia", afirmou o voceiro socialista
Pola súa parte, a voceira do BNG, Avia Veira, sinalou que "a atención sanitaria non pode depender do código postal" e demandou á Xunta que poña en marcha o servizo "permanente e operativo, as 24 horas e os 365 días".
O portavoz do PP, Evaristo Ben, explicou que "non estamos ante unha ausencia de cobertura; respóndese cunha estrutura planificada e coordinada", detallando os efectivos existentes na coordinación de emerxencias sanitaria, entre elas varias ambulancias de soporte vital básico- non avanzado- que lle dan servizo á comarca.
